Noticias

As obras da Deputación na estrada provincial Mane-Rebón en Barro aumentan a visibilidade e a seguranza viaria

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez supervisou hoxe os traballos na vía, que permitiron rematar "remendos e apaños" do anterior Goberno provincial


16 novembro 2018
Obras na estrada EP0503 en Barro

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez supervisou hoxe xunto ao alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes as obras de mellora realizadas pola Deputación nun treito de medio quilómetro da estrada provincial EP-0503 Mane-Rebón, dentro do termo municipal de Barro. O responsable provincial explicou que coa actuación dáse resposta a unha demanda do Concello para un lugar no que, entre outras cousas, a estrada sufre un estreitamento e precisaba dunha maior seguranza viaria.

Benítez indicou que a obra foi adxudicada á empresa Nemesio Ordóñez, S. A., por 74.200,44 euros. Explicou que dado que había un estreitamento para o paso de vehículos fíxose un recuamento progresivo do muro lateral que agora permite aos vehículos mellorar a súa visibilidade, pero tamén advertilos da zona estreita que se crea pola existencia de dúas casas. Engadiu que se creou unha zona 30 cun paso de peóns sobreelevado e un redutor físico de velocidade que permiten un axeitado calmado do tráfico, e que se pavimentou un treito duns 500 metros desde a glorieta.

"Todo este traballo do actual Departamento de Mobilidade permitiu completar a actuación. Era unha demanda histórica, porque aquí fóranse facendo remendos e apaños, con recuamentos puntuais, pero non se fixera unha actuación de punto a punto como tiña que ser", dixo o nacionalista. "Parece que vimos a Barro a resolver demandas históricas, porque había o costume de comezar obras por parte da anterior Deputación e non acabalas. Vímolo tamén coa obra en execución que está na estrada de Perdecanai, que se facía aos poucos. As obras teñen que terminarse porque a sensación de provisionalidade é algo que non soportan os veciños", insistiu.

Pola súa banda, o alcalde de Barro tamén lembrou que a estrada fora ancheada nalgúns puntos por parte da Deputación e quedara sen rematar, co firme en mal estado e sen un pavimento correcto, ademais de carecer de algúns retoques para realmente terminar a actuación. "Na primeira reunión que tiven co deputado Uxío Benítez xa lle falei das diferentes estradas no concello que estaban a medias. A min paréceme que as actuacións que se inician hai que rematalas para evitar os problemas de seguridade. Entón, é de agradecer esta actuación porque o tema queda resolto e a veciñanza que vive aquí conta con máis seguridade. Ao mesmo tempo, para o tráfico rodado, ver isto rematado sempre dá máis tranquilidade", finalizou.