Noticias

As Neves realizará un proxecto de eficiencia enerxética con 20.000 euros do "Plan Concellos"

A institución provincial leva entregado preto do 72% do total destinado ás Neves dentro do Plan, cun investimento situado en preto de 400.000 €


05 agosto 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través dunha resolución presidencial, unha nova achega ao concello das Neves no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de investimentos, co cal a vila poderá realizar un proxecto de mellora de eficiencia enerxética e das medidas de seguridade nos cadros do alumeado público de todo o concello, por un valor de 20.402,23 euros.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara ás Neves  218.891,33 euros en liña 1 para proxectos como a mellora da pavimentación de camiños nas trece parroquias que compoñen o concello, a instalación de sinais informativas e melloras nas comunicacións do cadro da estación de tratamento de augas potables e unha interconexión entre os distintos depósitos de auga que a conforman. Ademais, outros 33.563,47 € en liña 2 destinados ao financiamento dun proxecto de posta en valor dos recursos turísticos da vila, da Feira do Requeixo e do Mel, da Festa do Viño Tinto e para diversos gastos correntes e, por último, 112.296,81 € en liña 3 cos que As Neves puido contratar a 16 persoas que están a desenvolver as súas profesións nos distintos servizos municipais da vila.

Coa suma desta nova achega, As Neves xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 72,4% do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 385.153,94 euros dun total de máis de 530.000 €.


Novas relacionadas

plan concellos

15 xullo 2017, plan concellos, as neves, plan concellos 2017, deputacion de pontevedra