Noticias

As Neves estrea "un novo espazo para as persoas" na remodelada contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme

A actuación do Departamento provincial de Mobilidade dotou á zona de calmado do tráfico e seguranza viaria, máis accesibilidade e nova iluminación


14 maio 2019
Santa Marta de Ribarteme

O Concello das Neves dispón desde hoxe dun "novo espazo para as persoas" grazas á mellora da estrada provincial que pasa pola contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme. Alí o Departamento de Mobilidade da Deputación reformou uns 2.000 metros cadrados de superficie, poñendo en valor a construción relixiosa cunha praza dianteira con lastros de pedra, a instalación de medidas de calmado de tráfico e seguranza viaria, o acondicionamento das marxes, a mellora da accesibilidade nos accesos e a nova iluminación.

A veciñanza das Neves pode gozar deste novo espazo público onde hai prioridade peonil sobre a circulación dos coches xa desde o día de onte, cando se abriu a estrada. Hoxe está previsto rematar os últimos axustes, e mañá recibirase a obra de forma oficial por parte do deputado de Mobilidade Uxío Benítez.

Segundo explica o deputado nacionalista, o proxecto denominado ‘Mellora da seguranza viaria na EP-4201 na contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme' tivo un orzamento de licitación de 191.760,92 euros. Tiña como obxectivo poñer en valor dun xeito sensible o espazo en xeral e a igrexa parroquial en particular, "adaptando a estrada provincial ao territorio polo que discorre" e potenciando o uso público e a calidade da contorna, xa que alí se celebra tradicionalmente a romaría máis coñecida das Neves.

A actuación circunscribiuse a preto de 2.000 metros cadrados da estrada provincial EP-4201 entre Setados-Ribarteme-Vide. Ademais da creación da ‘praza' na zona dianteira da igrexa –que se elevou con respecto ao resto da vía creando un ámbito de prioridade peonil–, tamén se mellorou o entronque da estrada cara ao núcleo do Coto, modificando o radio de xiro e as rasantes para redondear o encontro coa estrada provincial.

Dotouse de maior accesibilidade a entrada á igrexa e ao cemiterio –corrixindo as dúas ramplas de acceso ao adro–, e renovouse totalmente a iluminación, instalando novas luminarias de balizamento no pavimento, luminarias led nos muros de pedra, tiras de led encaixados nos bancos, luces para iluminar as fachadas da igrexa mediante proxección, e proxectores para a imaxe granítica da virxe sobre o muro de contención, conformando un novo espazo moi atractivo visualmente.

Segundo fixo fincapé o deputado Uxío Benítez, a obra en Ribarteme destacou pola total colaboración institucional entre Deputación e Concello das Neves e a sensibilidade coa que o persoal técnico dirixiu os traballos, escoitando e recollendo na medida do posible as pequenas peticións da veciñanza, co fin de chegar a un proxecto mellorado para o uso de toda a cidadanía e das persoas visitantes que acoden ao lugar. Este é coñecido mundialmente pola procesión de ‘exvotos vivos' que se celebra cada 29 de xullo por parte de aqueles que cren terse salvado da morte despois do seu ofrecemento a Santa Marta. Así pois, este ano a tradicional procesión de cadaleitos realizarase estreando a reforma da estrada e da contorna.