Noticias

As Neves estrea senda peonil e elementos de calmado de tráfico na estrada provincial do barrio do Ravelo

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a Deputación transferirá agora a vía ao Concello


24 maio 2019
Estrada provincial do barrio do Ravelo

A estrada provincial que cruza o barrio do Ravelo en As Neves loce xa a súa nova imaxe unha vez que o departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra rematou hoxe as obras de mellora da mobilidade peonil e seguranza viaria. Nos últimos días a empresa adxudicataria dos traballos, Covsa, terminou de estender o ‘slurry' da nova senda peonil, instalar a sinalización vertical, pintar as marcas horizontais e realizar os últimos arranxos puntuais.

O treito vello da estrada provincial que cruza o barrio de O Ravelo na parroquia de Tortoreos (EP-4006) conta agora cunha mellora que permitirá que a veciñanza transite camiñando pola nova senda peonil da que dispón a vía, de 800 metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho, sen o perigo de ir pola calzada como ocorría anteriormente. De feito, eran moitos os alumnos e alumnas que camiñaban cara aos centros de ensino de formación profesional da zona.

O novo proxecto aproveitou a sección actual da vía e tamén as cunetas para deixar a mencionada senda e un carril de circulación con dirección única consensuada coa veciñanza. Instaláronse tamén medidas de calmado de tráfico: pasos de peóns sobreelevados e tamén redutores de velocidade físicos para os vehículos que obrigarán a frear aos condutores.

Segundo lembra o deputado responsable da área provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, un dos obxectivos do vixente goberno da Deputación de Pontevedra é desenvolver unha mobilidade sustentábel que priorice a seguranza e a mobilidade peonil en calquera estrada provincial, o que se conseguiu cun cambio de filosofía que mudou as prioridades nos proxectos.

O nacionalista destaca que a actuación en As Neves é totalmente acorde aos novos criterios de calmado de tráfico, xa que se establece un máximo de 30 quilómetros por hora na sinalización que se cumprirá de feito grazas a redutores físicos de velocidade.

Unha vez rematada a obra, iniciaranse os trámites para a transferencia da titularidade da estrada da Deputación ao Concello, que se fará cargo do seu sostemento.