Noticias

A Deputación financiará un plan de mobilidade para ordenar os espazos públicos de As Neves

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez indicou que o documento analizará o impacto da Plisan na mobilidade da zona e servirá de folla de ruta para decidir zonas peonís, mudar direccións de tráfico e establecer bolsas de estacionamento


16 diciembre 2016

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, confirmou hoxe ao alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, que a Deputación financiará a redacción dun estudo de mobilidade para o municipio. Este documento servirá de folla de ruta para mellorar o entramado viario de todo o concello, analizará o impacto da Plisan na mobilidade da zona, marcará áreas a peonalizar, cambios nas direccións de tráfico, ubicacións de novas posibles bolsas de estacionamento e ordenará o espazo público en xeral. Estará listo, segundo as previsións, antes de catro meses e deberá ser aprobado polo Pleno da Corporación co maior apoio posible dos grupos políticos para darlle validez.

Benítez reuniuse hoxe co alcalde e os representantes dos grupos da Corporación (portavoces do PP e do BNG e tenente de alcalde do PSOE) para concretar as características do futuro estudo de mobilidade, que financiará por completo a institución provincial. Segundo explicou o nacionalista, a Deputación ten marcada unha Estratexia de Mobilidade Sostible que ten como eixo fundamental apostar pola mobilidade segura, sustentable, inclusiva e participativa, tendo en conta a visión que poden aportar os diferentes sectores da cidadanía. Neste sentido, incidiu en que o obxectivo do traballo é obter unha perspectiva de  actuacións a longo prazo, polo que é fundamental acadar o maior consenso posible entre as forzas políticas do Concello para evitar que o plan sexa un documento que quede no caixón no caso dun futuro cambio de goberno.

Así, Benítez pediu a Rodríguezque se debe traballar a favor dun apoio masivo tanto dos diferentes axentes sociais como políticos da vila, xa que todos teñen unha visión diferente dos problemas de mobilidade segundo os seus intereses. "Queremos un documento consensuado, e para iso vaise fomentar a participación de forma moi ampla", asegurou. De feito, a maiores da reunión  realizada  durante a mañá, a equipa redactora do Plan xa artellou unha nova reunión de traballo cos grupos políticos e durante a a tarde de hoxe está previsto iniciar as reunións con grupos veciñais.

Algunhas das cuestións fundamentais que analizará o estudo de mobilidade serán o impacto da Plisan na mobilidade da zona, a existencia do ferrocarril no contorno, así como a cercanía do Río Miño. Segundo indicou Benítez, a apertura da Plisan modificará os eixos de mobilidade principais na actualidade, xa que haberá novas infraestruturas de conexión que darán servizo non só o tráfico dirixido ao núcleo empresarial, senón tamén ao contorno. Por outra banda, o deputado sinalou que é preciso facer un replantexamento do uso actual do ferrocarril na zona, valorando posibilidades alternativas e novos usos veciñais. Finalmente, o nacionalista puxo sobre a mesa a necesidade de ter en conta que o río Miño está moi preto do núcleo de As Neves, así como Portugal, polo que se crean fluxos e movementos que hai que estudiar para tamén poñer en valor.

Reunións de traballo e toma de datos

Para a realización do estudo será preciso a celebración de varias reunións de coordinación entre o equipo redactor e o goberno local, así como un importante traballo de campo. Na toma de datos medirante varios puntos de tráfico rodado e peonil e analizarase a estrutura urbana e a actividade económica existente en cada zona, abordando as cuestións tanto con persoal municipal, como representantes dos sectores socioeconómicos (comercio, hostalería, transporte), así como dos veciños do centro urbano e das parroquias.

Con ese traballo de campo realizado, a equipa redactora marcará unha estratexia xeral de mobilidade rodada, peonil e alternativa; definirá posibles liñas de actuación e caracterización dos espazos públicos e do viario; e realizará unha proposta de modelos de sensibilización da cidadanía. Así mesmo, realizarase unha xornada técnica sobre estratexias de mobilidade para o persoal do concello, xunto con encontros de coordinación durante a redacción do plan. Todo este traballo será supervisado polos técnicos e asesores da Deputación de Pontevedra, que buscarán que se cumpran os criterios de mobilidade sostible que se queren aplicar en toda a provincia.

A previsión é que o traballo de campo por parte da asistencia técnica contratada comece nas vindeiras semanas e que, no prazo duns tres meses –aproximadamente-, se poida dispoñer do documento base. A intención é acadar unha folla de ruta para marcar os principais eixos de mobilidade, ver as diferentes posibilidades de transporte (coche, tren...),  peonalizar áreas, ver a posibilidade de mudar direccións de tráfico, xerar aparcamentos disuasorios, e mellorar os accesos dende os barrios e as parroquias ao casco urbano, entre outras cuestións. En resumo, segundo dixo Benítez, a intención é "racionalizar a mobilidade da vila".