Noticias

As infraestruturas, a seguridade viaria, a sinalización, a axenda 20/30 e o despoboamento centran a primeira reunión entre Carmela Silva e Javier Losada

A presidenta sinalou que "é a primeira vez en tres anos que un delegado do Goberno se pon en contacto para falar sobre as necesidades da nosa provincia. Voume coa mochila cargada e coa seguridade de encher de contido as follas en branco de tantos anos"


06 agosto 2018
Carmela Silva e Javier Losada

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo esta mañá a primeira reunión de traballo co delegado do Goberno de España en Galicia, Javier Losada. Silva, que amosou a súa satisfacción por ser a primeira vez en tres anos que un delegado do Goberno recibe á presidenta da Deputación, cualificou ao encontro como "moi produtivo. Voume coa mochila cargada ao saber que iremos cubrindo de contido folios en branco e recuperar, así, anos perdidos para dar saída ás demandas máis importantes da cidadanía da provincia de Pontevedra".

Carmela Silva agradeceu "o traballo previo á reunión realizado polo delegado do Goberno, que tiña claras cales eran as peticións e demandas da provincia de Pontevedra relacionadas coa acción do Goberno de España". Máis polo miúdo, a presidenta provincial destacou que no encontro se abordaron todas as áreas do Goberno cuxa acción ten incidencia nos dereitos e servizos da cidadanía da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, Silva comezou facendo fincapé nunha "demanda fundamental" da provincia como é a conexión co AVE. "Levamos moito tempo pedindo a conexión con Ourense por Cerdedo xa que estamos a falar dunha provincia con moita importancia económica. Desde o 2015, o informe do impacto medioambiental do proxecto permaneceu pechado nun caixón e hoxe temos o compromiso de que este proxecto vai saír do caixón".

Outra das cuestións que se abordaron foi o carácter transfronteirizo da provincia de Pontevedra e a importancia desta cuestión para o desenvolvemento de Europa. "Queremos ser o centro dunha grande eurorrexión e para iso precisamos unha saída ferroviaria polo sur que conecte Galicia co norte de Portugal". Neste sentido, Silva demandoulle ao delegado do Goberno que "nas redes europeas de transportes se contemple esta saída sur para converter á provincia nun núcleo moi importante de desenvolvemento europeo".

Xunto a estas demandas, a presidenta provincial tamén formulou cuestións pendentes como a A-57, a AP-9, a mellora da seguridade na A-55 no tramo entre O Porriño e Vigo e a solución dos puntos negros do Camiño de Santiago pola N-551 e N-550, para garantir a seguridade das peregrinas e peregrinos.

Ademais, Silva adiantoulle a Losada a necesidade de mellorar a sinalización de infraestruturas para mellorar a mobilidade como no caso do castelo de Sobroso "que está mal sinalizado e que leva a erros que fan confundir á xente e que vaian en outras direccións. Xa no 2017 pedimos a mellora na súa sinalización e, ata o momento, non tiñamos reposta".

Pola súa banda, o despoboamento e os obxectivos de desenvolvemento sustentable da ONU foron outra das preocupacións que Carmela Silva lle trasladou ao delegado do Goberno. "Queremos ser parte moi importante dese comisionado para que a provincia de Pontevedra se converta nun lugar de reflexión e apostar polos obxectivos de desenvolvemento sustentable da ONU que falan de igualdade, de traballo digno, de respecto polo medio ambiente", asegurou Silva. Neste eido, a presidenta provincial adiantou que na provincia de Pontevedra xa se está a traballar en moitos deles pero "estou encantada e agradecida de que o delegado nos teña proposto unha reunión co Comisionado, porque o noso obxectivo é converternos en pioneiras e pioneiros neste eido".

Xa para rematar, Silva amosou a súa satisfacción porque "o delegado de Goberno ten pensado vir ata a Deputación de Pontevedra en outono para concretar xa moitas das cuestións das que hoxe temos falado".

Pola súa banda o delegado do Goberno no Estado subliñou que o compromiso de Pedro Sánchez é "converter a Pontevedra nunha provincia máis habitable, con máis benestar e mellores infraestruturas e facelo colaborando, concertando, dialogando e acordando con todas as administracións, como a Deputación, que representa aos intereses das persoas da provincia de Pontevedra".

Máis polo miúdo, Losada destacou que "como dicía a presidenta da Deputación, atopámonos en Pontevedra con páxinas en branco que temos que encher ao longo destes meses". Neste eido, Losada referiuse a priorizar a liña de AVE Vigo-Ourense por Cerdedo e explicou que Sánchez xa amosou o seu compromiso para levala a cabo.

Losada subliñou que "temos que facer un esforzo, como o que está a facer o Goberno portugués para a saída ferroviaria sur da provincia de Pontevedra e a súa conexión co norte de Portugal, mellorar a seguridade na A-52, a circunvalación de Pontevedra na A-57 e a seguridade do Camiño Portugués cara Santiago polas N-550 e N-551". O delegado do Goberno en Galicia tamén manifestou que "atopámonos con outra cuestión pendente na provincia, o acceso peonil a Pontevedra desde o nó de bombeiros, que temos que desenvolver para facer efectivo este proxecto que ten un valor de seis millóns de euros".

Ademais destas cuestións, Losada puxo en valor o traballo desenvolvido pola Deputación no ámbito do despoboamento e do desenvolvemento sustentable e adiantou a posibilidade de manter unha reunión co alto comisionado da Axenda 20/30 "para tratar obxectivos que a Deputación quere impulsar na provincia de Pontevedra en coordinación co Goberno de España".

No encontro entre Carmela Silva e Javier Losada tamén se trataron outros temas como a situación das persoas afectadas pola traxedia de Paramos en Tui e o estado da tramitación administrativa da petición de Declaración de Zona Afectada por Emerxencia de Protección Civil, así como o acceso peonil a Pontevedra desde o nó de Bombeiros, ou a caducidade da concesión de Elnosa.