Noticias

As II xornadas de Memoria Histórica. Na Loita contra a Impunidade organizadas pola Deputación de Pontevedra colgan o cartel de completo

Os relatorios poderanse seguir en ‘live streaming' a través da páxina web da Deputación


04 setembro 2020

A Deputación de Pontevedra colgou o cartel de ‘completo' para as súas II Xornadas de Memoria Histórica. Na loita contra a Impunidade que terán lugar os vindeiros 11 e 12 de setembro baixo o título ‘A Transición: outro discurso é posíbel'. A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, destacou hoxe que se cubriron xa as 125 prazas dispoñibles da capacidade das instalacións do pazo da Cultura pero sinalou que, ademais de presencialmente, a Deputación vai habilitar o seguimento en streaming a través da páxina web depo.gal para todas as persoas interesadas, debido a que continúan a chegar solicitudes e a que hai moita xente de fóra de Galiza que quere participar.

Segundo explicou Ortega, inicialmente a previsión era habilitar unicamente 100 prazas, marcadas pola capacidade do barco que irá a San Simón para as actividades do venres pola tarde. Sen embargo, decidiuse habilitar as 25 dispoñibles a maiores no salón de actos do pazo da Cultura para a xente que, a pesar de non poder ir á visita da ‘Illa da Memoria' quería igualmente participar no encontro. A día de hoxe, esa capacidade tamén está cuberta, polo que a responsable nacionalista destacou que o evento "está a ser todo un éxito de convocatoria grazas á súa temática e ao interesante programa de relatoras e relatores".

Ortega lembrou que o obxectivo desta cita é analizar como se pasou da ditadura á democracia no 78 cun discurso pactado, homoxéneo e acrítico coas institucións e organismos implicados poñendo de manifesto as súas eivas e erros. Destacou, así mesmo, que os feitos das últimas semanas e dos últimos días, coa "fuga" ao estranxeiro do Rei emérito, e a sentenza do pazo de Meirás, "poñen as xornadas máis de actualidade que nunca".

Nas xornadas estarán presentes persoas relatoras que, fronte ao discurso do ‘pensamento único e homoxéneo', foron e son críticas con ese momento da historia.

Entre elas está Ángeles Díez, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía da Complutese, que afondará desde o punto de vista político como segue a haber vestixios do franquismo na nosa sociedade, en institucións, e organismos que apenas mudaron cando rematou o réxime e se iniciou o suposto Estado de Dereito, o que ela define como ‘francocracia'. Tamén se abordará este tema cunha perspectiva de país con Xulio Padra, autor do libro Galicia en Transición.

Falarase da perspectiva da loita nos tribunais, contando con Goretti Sanmartín, impulsora desde a Deputación da Coruña da Xunta pro Devolución do Pazo, e con Xabier Ferreira, profesor da USC e responsable do informe xurídico de Meirás. Neste sentido, a deputada María Ortega aproveitou para criticar que as institucións están a darlle as costas á Memoria, algo que desde a Deputación de Pontevedra se quere rachar, xa que considera que é un deber para as e os representantes da cidadanía "loitar polas liberdades" e acompañar aos colectivos e familias.

Seguindo coas xornadas, destacou que o venres pola tarde farase unha visita á Illa de San Simón, unha icona e símbolo da memoria histórica para a que a Deputación está a esixir un plan de usos e que sexa declarada Illa da Memoria. Será unha xornada na que ademais organizar unha ruta a cargo de Matías Rodríguez, se realizarán dúas intervencións de Luís Bará para falar das políticas públicas de memoria na Galiza, e de Enriqueta Otero, presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín e filla de Eduardo Otero Molas, preso en San Simón, que falará da loita civil pola memoria das vítimas.

O sábado estará en Pontevedra a Cristina Fallarás, unha persoa moi crítica co papel dos medios de comunicación no relato da Transición. Falarán logo Paloma García, Jacinto Lara, Irene Francés e Jana Calero, integrantes da equipa da avogacía da querela arxentina, e continuarase cunha homenaxe ao represaliado Chato Galante, que faleceu este ano "ao que levamos con nós e agradecemos todo o que nos achegou, sendo o responsable e pai ideolóxico das I Xornadas que organizou esta Deputación, animando a traballar na loita contra a impunidade".

Xa pola tarde tocará a quenda da mesa redonda con Tareixa Navaza desde a prensa; Margarita Ledo desde o cine; Xurxo Souto na música da Transición; Santi Cortegoso no teatro ou o propio Alberto San Juan, que fará un monólogo sobre a monarquía titulado Autorretrato de un joven capitalista.