Noticias

As estradas da Deputación de Pontevedra na comarca da Paradanta empezan a lucir a súa nova sinalización horizontal

No día de onte rematouse o pintado a estrada EP-5005 A Cañiza e Pousa e ata o mércores próximo melloraranse un total de 93,7 quilómetros de pintado horizontal no mesmo concello da Cañiza


22 xuño 2017

As estradas da Deputación na comarca da Paradanta empezan a lucir a súa nova sinalización horizontal. Finalmente, os traballos de pintado de vías contratados pola institución provincial na zona sur da provincia comezaron polo concello de Tui, onde xa está todo o viario mellorado. Nestes momentos os operarios da empresa adxudicataria están xa no concello da Cañiza, onde está rematado o pintado da EP-5005 entre A Cañiza e Pousa. Ata o vindeiro mércores seguirase con este labor nas estradas EP-5001 A Franqueira e Cebreiro, EP-5003 A Cañiza e Arbo e
EP-5004 Valeixe e Villar, que suman 93,7 quilómetros de nova sinalización, tal e como estaba previsto no plan global de actuación para toda a provincia anunciado polo deputado de Mobilidade Uxío Benítez.

Unha vez se remate o pintado no concello da Cañiza, os operarios da empresa Viales Fernández pasarán ao concello de Crecente, onde tamén nun prazo dunha semana mellorarán a EP-5302 de acceso a Ponte Frieira, a EP-5303 Padrosos e Ameixeiras e EP-5304 entre Vilar e Albeos. Posteriormente a brigada pasará ao concello de Arbo, onde se mellorarán 24,4 quilómetros de sinalización horizontal nas EP-5201 Arvo-Cabeiras-Barcelas, a EP-5202 Arbo e o embarcadoiro, a EP-5203 entre a PO-400 e a estación e a EP-5206 de acceso a Luneda. Para finalizar, o 19 de xullo iniciaranse o pintado no concello de Covelo, que suma 34,8 quilómetros de actuación.

O plan de mellora da sinalización horizontal promovido polo Departamento de Mobilidade beneficiará a 226 estradas de titularidade provincial, o que supón case as tres cuartas partes do total da rede da Deputación, cunha lonxitude de 2.577 quilómetros de pintados. Tivo un orzamento xenérico de saída de 1,7 millóns de euros e foi adxudicado en catro lotes por un total de 1.409.319 euros. O segundo lote reúne as melloras viarias no Condado, na Paradanta e no Baixo Miño e foi adxudicado por 185.400,64 euros.

A mellora da sinalización horizontal, segundo asegura Benítez, enmárcase na nova filosofía do Departamento de Mobilidade da Deputación que aposta pola mobilidade sustentable na que a seguranza viaria é un eixo clave. O obxectivo do plan de sinalización horizontal é que se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, pasos de cebra e pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas.

Unha vez rematen as actuacións na Paradanta, pasarase ao resto de concellos do Condado e
 do Baixo Miño. Na comarca do Baixo Miño pintaranse 141,8 quilómetros de trazado, dos que 31,5 xa se executaron en Tui (catro estradas), 74,2 en Tomiño, 0,5 en Oia (unha estrada) e 35,6 no Rosal (tres estradas). Na comarca do Condado o plan permitirá a renovación da sinalización en 45,1 quilómetros de catro estradas provinciais en Ponteareas, de outras tres en Salvaterra de Miño (9,5 quilómetros), catro nas Neves (44,9 quilómetros), seis en Mondariz (99,3 quilómetros), e 12,8 quilómetros en dúas estradas de Mondariz Balneario.

Rozas

Ademais do plan global de sinalización horizontal, a Deputación tamén está a levar a cabo o habitual Plan de rozas e melloras de cunetas para o mantemento das estradas provinciais. Nesta ocasión, ademais de executar a planificación de rutina, estanse a compaxinar as rozas de xeito previo ao pintado das estradas.

Nestes momentos na zona sur hai unha brigada que está a traballar na EP-2403 Mosende a Morgadáns (O Porriño) e que irá para a EP-2502 Cerquido-Ribadelouro (Salceda); outra brigada está na EP-2900 Redondela-Ventosela (Redondela) e irá para a EP-2907 Redondela-Cepeda (Redondela); outra brigada está na EP-2908 Arcade-Amoedo (Soutomaior) e continuará tamén aí a vindeira semana; outro equipo está na EP-3102 Tomiño-Sabaris (Tomiño) e estará a semana que ven tamén, e, finalmente, outro grupo de traballo está na actualidade na EP-5104 Maceira-Avión (Covelo) e irá para EP-5003 A Cañiza-Arbo (A Cañiza).

No resto da provincia as rozas estanse a realizar do seguinte xeito da man tanto dos equipos propios de mantemento das vías provinciais como polas empresas contratadas pola Deputación: unha brigada de traballo está na EP-Soutelo-Covas-Ramal Magdalena (Forcarei) e irá para a EP-7204 Soutelo-Ratel (Forcarei); outra está na EP 6106 Maceiras-Alvarellos (Dozón) e irá para a EP-6104 Castro-Dozón-Saa-Rocha (Dozón); outra está na EP-8505 Ferreiros-Vilar (Valga) e irá para a EP-8504 Forno-Cernadas (Valga); outra está na EP-9201 Sanxenxo-Bordóns-Samieira (Sanxenxo) e irá para a EP-9213 A Granxa-Dorrón (Sanxenxo); outra está na EP 0006- Marcón-Lusquiños (Pontevedra) e irá para a EP-0002 Marco-Tomeza-Figueirido (Pontevedra) e finalmente outra está na EP-0307 Peso-Caroi (A Lama), onde continuará uns días máis e despois irá a EP-0407 Borela-Ponte Caldelas (Cerdedo-Cotobade).

Plan MOVESE

Finalmente, o Departamento de Mobilidade tamén está a traballar nestas semanas na instalación de pasos de peóns sobreelevados e redutores de velocidade nas estradas EP-3001 Tui-Rebordáns (Tui), na EP-2502 Ribadelouro-O Cerquido (Salceda), na EP-3003 Areas-Pexegueiro (Tui) e na EP-3102 Tomiño-Sabarís (Tomiño), con diferentes traballos de obra civil, sinalización horizontal e vertical, e de aglomerado e compactado.


Novas relacionadas

Reunión en Salceda

28 xuño 2017, estrada, cruce, carretera provincial, estrada provincial, obras de mejora, obras de mellora