Noticias

As empresas das comarcas de Deza e Tabeirós quintuplicaron a súa participación nos obradoiros organizados por "SmartPeme" desde Lalín

Ana Mejías, deputada de Novas Tecnoloxías: "A pandemia confirmou que todas as predicións sobre a necesidade de crear `SmartPeme´ eran correctas"


20 maio 2021
SmartPeme Lalín

A oficina de "SmartPeme" en Lalín rexistra cifras de récord desde o comezo da pandemia a causa da forte demanda de formación e asesoramento das empresas das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes sobre as posibilidades aplicadas das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) ao contorno empresarial. A deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, estivo hoxe na oficina de Lalín e destacou a espectacularidade do dato de asistencia aos obradoiros de formación, que en 2020 multiplicou por cinco as cifras do ano anterior, alcanzando as 837 persoas. Ao acto asistiron tamén a tenente de alcalde, Paz Pérez Asorey, e o concelleiro Avelino Souto.

Os datos do primeiro ano da pandemia indican que a participación nos 39 obradoiros realizados creceu un 479 % sobre as 140 persoas rexistradas no ano anterior, convertendo á de Lalín na segunda oficina que máis avanza neste apartado, tan só por detrás da de Pontevedra. A deputada Ana Mejías explicou que no que vai de 2021 xa participaron outras 179 persoas nos 6 obradoiros realizados, polo que a tendencia mantense. A razón está, explicou Mejías, na aposta de "SmartPeme" por continuar a súa actividade en formato telemático, mentres que anteriormente os obradoiros eran presenciais. Así pasouse dunha participación de ata 12 persoas a unha media de 21 persoas por curso.

Durante 2020, a oficina de Deza-Tabeirós tamén realizou 275 asesoramentos individualizados a petición das empresas, o que supón un crecemento dun 36 % sobre o exercicio anterior e consolida unha liña ascendente ano a ano, pois comezou a súa actividade en 2016 con 49 asesoramentos. No que vai deste ano 2021 realizou 94 consultarías.

En canto ao número de empresas en carteira cómpre destacar que a oficina atendeu a un total de 461 desde a súa creación no ano 2016, das que 147 mantiveron contacto durante o ano pasado. A práctica totalidade delas son pemes e persoas autónomas. O tecido empresarial de Deza e Tabeirós-Terra de Montes aposta claramente por este servizo pois un total de 1.551 persoas asistiron aos 205 obradoiros realizados desde a posta en marcha do programa e as sesións de consultaría individual chegaron ás 743 nestes anos. As empresas de Deza que acoden a "SmartPeme" pertencen maioritariamente ao sector de venda ao por maior e por menor, incluíndo comercio e establecementos de reparación de vehículos (un 25 % do total), seguido das actividades profesionais, científicas e técnicas (case un 14 %). A hostalería ocupa o terceiro lugar co 7,7 % e a industria manufactureira case o 7 % sobre o total.

Ana Mejías destacou que a clave do éxito de "SmartPeme" nestas comarcas está na cualificación do persoal asesor que, ademais dun profundo coñecemento sobre as TIC, atesoura tamén unha relación estreita co propio tecido empresarial e co territorio. Ademais, engadiu, "SmartPeme" é un programa que xurdiu da necesidade detectada de formar e proporcionar coñecemento ás empresas e a pandemia non fixo outra cousa que confirmar que todas as predicións sobre a necesidade deste servizo eran correctas.

A rede "SmartPeme" naceu en 2016 como resposta da Deputación á necesidade de prestar apoio tecnolóxico para a mellora da competitividade empresarial na provincia e está dirixido moi especialmente as empresas pequenas e ao colectivo de persoas autónomas. Dispón de oficinas en Pontevedra, Vigo, Barro, Lalín, Cambados, O Porriño e Ponteareas. Un total de 6.363 empresas gozan deste servizo na provincia. A carteira de servizos ofertados desde "SmartPeme" ten que ver non só co asesoramento e crecemento empresarial apoiado nas TIC, senón tamén co apoio especializado ás empresas do subsector turístico e do subsector do comercio. O pasado ano botou tamén a andar unha liña específica de asesoramento tecnolóxico para entidades do Terceiro Sector, é dicir ONG e asociacións/fundacións relacionadas co benestar social.