Noticias

As e os medallistas do Campionato do Mundo de piragüismo maratón en Rumanía reciben os parabéns da Deputación de Pontevedra

O deputado de deportes felicitou ás e aos deportistas polo seu éxito en Rumanía


15 outubro 2021
O deputado de deportes felicita ás e aos deportistas polo seu éxito en Rumanía

As e os medallistas do Campionato do Mundo de piragüismo maratón en Rumanía reciben os parabéns da Deputación de Pontevedra. Tono Campos e Diego Romero, ouro na categoría C2; Tania Fernández e Tania Álvarez, prata na categoría K2 feminino; Jaime Douro, prata na categoría sub 23 e Iván Alonso, prata en maratón e bronce en maratón corto na categoría K1 foron acollidos esta mañá por Gorka Gómez, que se amosou orgulloso dos/as deportistas da provincia e fixo fincapé na necesidade de "pór en valor o esforzo do equipo, cando hai medallas e tamén cando non as hai", salientando a importancia de "fomentar o deporte de base e os hábitos saudables". 

O deputado de deportes felicitou ás e aos deportistas polo seu éxito en Rumanía, "éxito dos deportistas e de todo o equipo que os acompaña". Tras darlle as grazas no nome de Carmela Silva e de toda a provincia, destacou a importancia do piragüismo, que se ve reflexada nos/as deportistas bolseiros/as do ente provincial: "Dos/as 181 deportistas bolseiros/as da provincia, o 33% (55), son piragüistas", o que supón que máis do 50% do orzamento da Deputación vaia destinado aos deportes náuticos. Pola súa banda, Tono Campos resaltou a importancia de que bolsas DepoDan e DepoPromesa non fagan distinción entre as modalidades olímpicas e non olímpicas, aumentando o orzamento das e dos deportistas e pondo de relevo o seu traballo. Amais, o ouro no Campionato do Mundo incidiu en que "a provincia de Pontevedra ten mellores resultados que algúns países enteiros". Finalmente, Tania Álvarez agradeceu a recepción e, en especial, o apoio que a institución provincial lle brinda a ela e aos seus compañeiros, xa que coas súas achegas "facilita que poidamos compaxinar a nosa vida laboral e familiar coa deportiva".