Noticias

As Deputacións de Pontevedra e A Coruña e os concellos de Catoira e Rianxo piden á Xunta unha reunión para abordar a transferencia da ponte sobre o Ulla

A presidenta Carmela Silva manifestou que hai "razóns obxectivas, legais e de cohesión do territorio" para que o Goberno galego acepte a proposta


21 xul 2016

As deputacións de Pontevedra e A Coruña e os concellos de Catoira e Rianxo solicitarán de maneira conxunta á Xunta de Galicia unha reunión de traballo na que abordar a transferencia da ponte interprovincial sobre o río Ulla. Argumentan que o viaduto ten as características propias dunha infraestrutura autonómica tanto dende o punto de vista lóxico como legal: une dúas provincias diferentes e articula a rede de estradas galega ao conectar vías de gran densidade de tráfico como a autovía do Barbanza e a AP-9.

A solicitude de reunión co Goberno galego remitirase formalmente no día de mañá, logo de que hoxe se celebrase un encontro previo auspiciado polo responsable de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez. Nel participaron, ademais do deputado, os presidentes provinciais Carmela Silva e Valentín González, xunto coa vicepresidenta coruñesa Goretti Sanmartín, e os alcaldes de Catoira e Rianxo, Alberto García e Adolfo Muíños. Agárdase unha resposta rápida por parte do Executivo autonómico coa fin de iniciar unha rolda de contactos que propicie a racionalización do mapa galego de infraestruturas e de solucionar unha demanda histórica. "Dende a Deputación de Pontevedra facemos un chamamento para que haxa coordinación entre as administracións, para que os representantes públicos poidamos traballar de forma conxunta e racionalizar con boa vontade as nosas competencias e a titularidades das infraestruturas que dan servizo aos veciños e veciñas", dixo, insistindo en que a ponte de Catoira cumpre todos os requisitos para ser autonómica.

Pola súa banda, Carmela Silva tamén incidiu en que as administracións deben ter a vontade de chegar a acordos e poñer enriba da mesa proxectos de futuro con influencia no territorio "aínda que non sexa exclusivamente no que cada un goberna". Por este motivo instou a facer caso do sentido común: "Esta infraestrutura une dúas provincias e, polo tanto, é competencia clara da administración autonómica, segundo tamén di a lexislación. Pero ademais une dúas grandes vías como a AP-9 e a autovía de Barbanza que cohesionan o territorio galego. Polo tanto dende todo punto de vista ten lóxica que a Xunta de Galicia acepte a transferencia". 

Ante o peso do argumentario esgrimido, Silva manifestouse optimista e destacou que "os que hoxe estamos aquí marchamos convencidos de que vai ser posible chegar a un acordo coa Xunta porque o que se plantexa é unha argumentación cargada de razóns obxectivas, legais e de cohesión do territorio. Estamos seguros que non vai haber problema", finalizou. 

"En beneficio dos veciños e veciñas"

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González falou do "caos de titularidades" que existe en moitos puntos de conexión entre a provincia de A Coruña e Pontevedra e A Coruña e Lugo, e ao igual que o deputado Benítez, instou a unha mellor coordinación. "Hai unha clara falta de diálogo que debe de reflexionarse e corrixirse en beneficio dos habitantes das catro provincias galegas", dixo. 

No caso da ponte, subliñou que a Deputación da Coruña apenas xestiona 400 metros, pero solicitou á Xunta de Galicia a "que sente nunha mesa canto antes mellor, non en beneficio das deputacións ou en descargo dos concellos, senón en descargo de veciños e veciñas que por milleiros transitan a ponte a diario". "Este é o típico caso que se resolve sempre cunha ‘suprasolución', cunha administración que estea por riba das outras e se faga cargo da titularidade da mesma. Ten todo o sentido do mundo e estamos convencidos de que a propia Xunta de Galicia vai ser sensible a este asunto", afirmou.

Os accesos

O alcalde de Catoira lembrou que o seu concello, ao igual que o de Rianxo, leva dende o ano 1979 reivindicando non só o traspaso da ponte á Xunta de Galicia, senón tamén dos accesos a esta e do seu mantemento. "Une dúas provincias, pero tamén vías de comunicación moi transitadas. O Barbanza e  incluso veciños de Muros Noia pasan por esta ponte para conectar coa Autoestrada do Atlántico. Aquí –dixo no propio viaduto- poden vostedes observar o tráfico pesado que hai e que é constante. Non ten razón de ser que esta infraestrutura estea na man de deputacións diferentes, e incluso que os concellos de Rianxo e Catoira teñamos que andar arranxándoa", abondou. 

O rexedor do Concello de Rianxo, Adolfo Muíños, asegurou tamén que é "completamente improdutivo" que haxa varias administracións implicadas no mantemento da ponte e os seus accesos, e lembrou que a Xunta que tiña previsto no Plan Move "incluír a vía e a rotonda de saída da autoestrada do Barbanza, así como o entronque coa nacional á altura de Caldas de Reis nas vías da súa titularidade", polo que instou a aplicar o sentido común. "Hai que ver o absurdo da situación, dependendo de cada farola case dunha administración diferente. Hai que encarar un futuro coordinado e de relación coherente e correcta entre administracións", solicitou. 

Finalmente, o deputado pontevedrés de Mobilidade, Uxío Benítez, explicou que a Deputación de Pontevedra ten prevista unha actuación de mellora da ponte, con actuacións nas xuntas de dilatación, nas luminarias e tamén noutros elementos en mal estado. "Non eludimos responsabilidades e vanse reparar deficiencias, pero hai que sentarse a falar da viabilidade e condicións de transferencia coa Xunta. Agardamos unha pronta resposta e poder traballar con boa disposición por todas as partes", subliñou. 

 

Novas relacionadas