Noticias

As deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo acláranlle á Xunta que o novo convenio dos GES debe ser negociado e aceptado por tódalas partes

As deputacións levántase da xuntanza da Comisión de Seguimento diante da negativa da Xunta de Galicia a aceptar ningunha das propostas presentadas


11 novembro 2021

As deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo asistiron esta tarde á Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) para deixar claro que o novo convenio regulador do sistema GES para o período 2022-2024 debe ser negociado e aceptado por tódalas partes e non pode ser imposto unilateralmente pola Xunta de Galicia.

As entidades provinciais deixaron claro que o reparto económico de cara ao novo convenio non debe supoñer novos incrementos para as deputacións, en tanto que xa duplicaron as súas achegas no período 2019-2021 (pasando do 20% ao 40% do custo total do sistema GES, en tanto que  a Xunta reducía a súa achega do 60% ao 52,5%). Por elo, demandan que sexa a Administración autonómica a que asuma as necesidades de maior financiamento, xa que estamos diante dun servizo incluído no marco das súas competencias. Ademais, as deputacións rexeitan que a Xunta utilice o Fondo de Cooperación Local para alimentar as súas achegas. O Fondo, destacan, son cartos que xa corresponden aos concellos en cumprimento dunha obriga constitucional, polo que a Xunta non pode seguir utilizándoo para cubrir competencias autonómicas. Finalmente, reclámase que o novo convenio se basee nun cambio de modelo para deixar de incitar ao fraude na contratación por parte dos concellos por mor do incumprimento da lexislación laboral, tal e como xa acreditan reiteradas sentencias xudiciais.

Por outra banda, atendendo cuestións máis concretas, a Deputación de Pontevedra pide que o grupo de emerxencias de O Grove se incorpore ao sistema GES en pé de igualdade, como unha base completa de 12 membros e advírtese que non se  aceptará que se incorpore con inferiores condicións que o resto de GES de Galicia. A Deputación de Lugo solicitou tamén que se reconsidere a decisión precipitada de situar unha base GES na Fonsagrada, adoptada na última Comisión unilateralmente pola Xunta, sen diálogo co Concello, porque, segundo manifestan os responsables municipais, o Concello non está en disposición de asumir de novo un GES. Finalmente, a institución provincial lucense reclama que se respecte a decisión dos concellos de Folgoso do Courel e Quiroga de manterse como subases con 6 efectivos e que se atenda a petición histórica de Ribas de Sil de crear outra subsede nesta localidade.

As deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo insistiron en que as funcións da Comisión de Seguimento, órgano onde a Xunta pretendía que se votara a súa proposta unilateral, están fixadas con claridade no convenio vixente 2019-2021 e consisten exclusivamente en velar polo seu cumprimento, propoñer medidas para garantir o exercicio coordinado das competencias de cada unha das partes, resolver problemas de interpretación e designar os concellos sedes dos GES. A Comisión é, por tanto, un órgano exclusivamente deliberativo no que se sentan a Xunta, as catro deputacións galegas e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). As deputacións recalcan que a vía normal para alcanzar un acordo sobre o novo convenio do sistema GES para o próximo  trienio é, como sucede con calquera outro convenio, o da negociación previa entre iguais e con cada Administración actuando no marco das súas competencias e capacidades económicas. Así o di a lóxica da voluntariedade e así se establece como requisito de eficacia e validez dos convenios administrativos na Lei de Réxime Xurídico do Sector Público, conclúen.

Diante da insistencia da Xunta de Galicia, a última hora, de cambiar a orde do día da Comisión para facer posible unha votación para a renovación do convenio por provincias, desoíndo así tódalas advertencias sobre falta de lexitimidade da propia Comisión, así como as propostas presentadas polas deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, estas optaron por abandonar a xuntanza para evitar que a súa posición neste intento de última hora da Xunta fose interpretado como unha abstención.