Noticias

As "Defensoras de dereitos" volven por terceiro ano con dous novos libros e actividades na provincia de Pontevedra

A iniciativa, impulsada pola Deputación e a Coordinadora Galega de ONGD, conta cunha colección de relatos á que se engaden as historias das activistas Haydée Castillo e Bea Salazar


15 outubro 2021

O proxecto "Defensoras de Dereitos", impulsado pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, chega a súa terceira edición co fin de seguir visibilizando, recoñecendo e poñendo en valor a loita das mulleres ao redor do mundo na defensa dos Dereitos Humanos. Durante os meses de outubro, novembro e decembro levaranse a cabo unha serie de actividades que xirarán en torno á colección de libros homónima ao proxecto: obradoiros en institutos da provincia, a presentación dos novos títulos da colección na feira Culturgal e un encontro coas protagonistas dos libros e a autora dos mesmos, a xornalista marinense Lara Dopazo.

A colección "Defensoras de Dereitos" veu a luz o ano pasado con tres títulos aos que agora se engaden dous novos relatos protagonizados por mulleres que romperon os moldes establecidos e traballan a prol do cambio social en Mesoamérica: Haydée Castillo e Bea Salazar. As súas historias, xunto ás de Miriam Suazo, Estela Ángeles Mondragón e María Cuc Choc (protagonistas dos primeiros títulos), axudan ao público xuvenil a coñecer o contexto social e político que provoca as situacións de desigualdade e inxustiza que afrontan as mulleres destes países. A obra conta con ilustracións de Marta Conde e o colectivo de arte gráfico mexicano Rotmlnas e ademais da versión impresa os primeiros títulos xa están dispoñibles de xeito online no sitio web da Coordinadora.

Durante os meses de outubro e novembro varios institutos da provincia de Pontevedra acollerán unha serie de obradoiros nos que o alumnado abordará as distintas temáticas en torno ás que xiran os tres primeiros libros da colección. Deste xeito, o feminismo, a defensa do territorio e a dos dereitos das poboacións indíxenas serán os temas que se tratarán en centros como o IES Castro Alobre (Vilagarcía), IES Pintor Colmeiro (Silleda) ou o IES do Barral (Ponteareas).

"Haydée Castillo sementeira de paz" e "Bea á procura da luz", os dous novos títulos da colección, presentaranse na feira Culturgal da man da Deputación. Ademais, para achegar dun xeito máis directo ao público, no marco de "Defensoras de Dereitos" tamén está programado para o 30 de novembro ás 18.00 horas un encontro de Lara Dopazo coas protagonistas destes libros. Haydée Castillo, histórica activista de Nicaragua que centra a súa actuación no activismo feminista e na defensa dos dereitos das comunidades rurais e indíxenas, e Bea Salazar, activista feminista do Salvador cuxo traballo na actualidade se centra na defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e das nenas, conversarán coa escritora nun encontro que será retransmitido en directo e quedará gravado para poder ser difundido con posterioridade.

A colección "Defensoras de Dereitos" está impulsada pola Deputación de Pontevedra xunto coa Coordinadora Galega de ONGD e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) en colaboración coa Iniciativa Mesoamericana de Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos (IM-Defensoras), unha plataforma formada por distintas organizacións mesoamericanas feministas de defensa de dereitos humanos que aglutina a case 700 mulleres.


Novas relacionadas