Noticias

As campañas sustentables da Deputación para o control da acacia e o impulso ao cultivo de froitos do bosque chegan a Forcarei e Catoira

A institución provincial está a desenvolver esta iniciativa en colaboración coa Federación Galega de Medio Ambiente e a Asociación Sectorial Forestal Galega


04 setembro 2019
Campaña acacia e froitos do bosque

Enmarcadas nas políticas de sustentabilidade e medio ambiente cara a transición ecolóxica, as campañas que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver en colaboración coa Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA) e a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA) para o control da mimosa (Acacia dealbata L.) e a promoción do cultivo dos froitos do bosque chegarán esta semana aos concellos de Forcarei e Catoira.

Deste xeito, o posto informativo das campañas instalarase este xoves 5 de setembro na praza do Concello de Forcarei entre as 10 e as 14 horas e o venres 6, no mesmo horario, na rúa do Concello de Catoira. Os deputados provinciais Iria Lamas e Manuel González visitarán os dous días os postos, onde o persoal lle ofrecerá ao público atención especializada e repartirá dípticos e información relevante sobre estes temas, que tamén se poderá visualizar nos paneis informativos. Ademais, o programa inclúe dúas xornadas técnicas impartidas por profesionais do sector.

A Deputación dedica 37.000 euros ao convenio con FEGAMA para a sensibilización contra a acacia. O obxectivo é non só informar a poboación sobre os efectos das especies exóticas invasoras na biodiversidade, servizos, ecosistemas, infraestruturas e na saúde, senón tamén espertar o interese de propietarios e propietarias forestais particulares e das comunidades de montes en man común para a prevención e control desta especie. A Acacia dealbata L., coñecida como mimosa, acacia ou acacia francesa, é unha ameaza para os ecosistemas, hábitats e especies, especialmente na provincia de Pontevedra. A árbore transforma o hábitat con gran rapidez e impide a rexeneración da vexetación natural destruída, sobre todo despois dos incendios forestais.

No que atinxe ao convenio con ASEFOGA, a iniciativa tenta impulsar o cultivo sustentable dos froitos do bosque en terras abandonadas. A Deputación destina 36.000 euros a promover o cultivo sustentable, mellorar o coñecemento sobre os froitos do bosque (amoras, arandos ou framboesas) e facer fincapé na importancia ambiental da recuperación das parcelas agrícolas e forestais en desuso.

Este programa está dirixido ás persoas emprendedoras do sector agroforestal e tamén á poboación en xeral, tanto á que reside no medio urbano como á do medio rural, posto que o aproveitamento agrario do solo é unha estratexia valiosa contra os incendios e mellora a calidade da paisaxe e a riqueza de especies animais e vexetais ao tempo que fomenta a creación de emprego no rural.