Noticias

As brigadas de mantemento das estradas provinciais atenderon 231 emerxencias na primeira metade do ano

O deputado Uxío Benítez explica que os accidentes de tráfico e as incidencias por temporais foron os principais motivos de actuación


30 xuño 2018
Balance brigadas

As brigadas de conservación das estradas provinciais dependentes do Departamento de Mobilidade da Deputación atenderon na primeira metade do ano 231 emerxencias motivadas por accidentes, temporais, desprendementos e outras incidencias. Os avisos para estas actuacións, segundo explica o deputado Uxío Benítez, foron trasladados aos capataces das brigadas pola Unidade de Control e Vixilancia da Deputación, e xestionadas segundo o protocolo de actuación para cada intervención tanto no momento do aviso como cun seguimento posterior.

As estatísticas do servizo revelan que os tres primeiros meses do ano, nos que se produciron varios temporais por chuvia e alertas de neve, foron os máis activos para as equipas provinciais de mantemento viario, con 48 incidencias en xaneiro, 40 en febreiro e 67 no mes de marzo. Por tipoloxías, neste 2018 as actuacións máis habituais foron os traballos de soporte e atención en accidentes de tráfico para sinalizar o suceso, retirar elementos da calzada e baldear a vía no caso de que se derramaran líquidos (63); as retiradas de pólas e árbores nas calzadas (48); a recollida de animais soltos (27); desprendementos de noiros con terra e pedras (23); fochancas (16); nevadas ou xeo (13); así como asolagamentos (13) e outras actuacións variadas (semáforos sen funcionamento, retirada de tapas de sumidoiros, postes caídos, retirada de metais…).

A zona Sur da provincia, a máis conflitiva

As brigadas da zona Sur, que atenden a maior extensión do territorio da provincia (Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Mondariz, Mondariz-Balneario, O Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo, Ponte Caldelas, As Neves, Oia, Nigrán, Baiona, Pazos de Borbén e Mos) foron as que máis traballo tiveron no que vai de ano. Nas vías provinciais actuouse en 97 casos desde as bases de Gondomar e Ponteareas e os concellos máis necesitados de actuacións de emerxencia foron A Cañiza (con 18 intervencións), Mos (10) e Ponteareas (9).

A zona Norte da provincia, á que dan servicio tres brigadas dos parques de Codeseda e Lalín atendeu 89 incidencias nos concellos de Cerdedo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. O municipio da Estrada, novamente, foi o que acumulou o maior número de intervencións de toda a provincia, con 21 emerxencias, o que resulta lóxico ao ser dun dos municipios con máis quilómetros de vías provinciais e a súa situación ao interior, sensible aos problemas coa neve.

A zona Centro da provincia (formada polas vías dos concellos de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cotobade, Cuntis, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa) foi a máis tranquila da primeira metade do ano, e sumou 45 actuacións de emerxencia, sendo os Concellos de Caldas de Reis (12), Pontevedra (10) e Sanxenxo (9) os municipios con máis intervencións.

Protocolo estandarizado

O sistema de emerxencias nas estradas provinciais funciona 24 horas os 365 días ao ano aplicando un protocolo estandarizado: as alertas chegan ao servizo de Vixilancia da Deputación principalmente a través do 112, pero tamén da Policía Local do concello afectado, da Garda Civil, de alcaldesas ou alcaldes, de concelleiras ou concelleiras ou de calquera veciña ou veciño.

O servizo de Vixilancia da Deputación encárgase de recoller o nome da estrada na que se produce a incidencia, punto quilométrico e causa e transmíteo á brigada máis próxima das nove existentes. Sempre hai brigadas en cada un dos centros operativos dispostas a saír e, no caso de que haxa algunha alerta (mal tempo, lumes…), mantense outra brigada en retén e as demais en garda localizada.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez quixo destacar o labor fundamental que realizan as brigadas de mantemento da Deputación –nas que está integrado o parque de maquinaria– na conservación da rede viaria provincial, xa que se enfrontan de xeito eficiente tanto ás emerxencias como ao traballo preventivo fronte a alertas climatolóxicas e tamén a reparacións menores e traballos de roza, entre outras cuestións.