Noticias

As Barbies intervidas da mostra "Rompe. Xoga en igualdade" chegan ao IES Santo Tomé de Freixeiro

Carmela Silva acompañou ao alumnado vigués polos 18 paneis da exposición explicando xunto a Isabel Blanco, creadora da mostra, o significado de cada boneca intervida


24 abril 2019
Rompe Xoga

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistiu este mércores no IES Santo Tomé de Freixeiro de Vigo á visita guiada á mostra promovida pola institución provincial "Rompe. Xoga en igualdade" que estará no vestíbulo do centro educativo ata o 16 de maio. Silva estivo acompañada por Isabel Blanco, unha das creadoras da exposición, nun acto onde fixeron xunto ao alumnado do instituto un percorrido polos 18 paneis desta reivindicativa mostra.

Carmela Silva dirixiuse ao alumnado destacando que "esta exposición amosa todo tipo de discriminacións que sufrimos as mulleres no noso día a día, evidenciando problemas tan importantes como a mercantilización dos nosos corpos ou a fenda salarial". A presidenta da institución provincial explicou que "cando Isabel Blanco e Irene Silva nos fixeron esta proposta, enseguida me pareceu unha grande idea, provocadora e que ía funcionar, pois as "Barbies" construíron unha imaxe de muller irreal, nós somos diversas e aquí utilizamos a boneca para deconstruir este estereotipo". Pola súa banda, Blanco que explicou con detalle o significado das "Barbies" intervidas, a necesidade de mudar a nosa sociedade e sinalou que "o machismo é unha maneira de pensar e de vivir que provoca morte e sufrimento mentres que o feminismo utiliza sempre a palabra, nunca a morte".

"Rompe. Xoga en igualdade" foi creada por Isabel Blanco e Irene Silva e conta con fotografías de Noemí Chantada. As protagonistas son as famosas bonecas "Barbies", que foron intervidas para denunciar, de forma impactante e rompedora, a desigualdade entre homes e mulleres. Trátase dunha mostra vangardista e rompedora para facer pensar e reflexionar, cuxo obxectivo é non deixar a ninguén indiferente. Pretende "romper" e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e do fin da discriminación contra o 52 % da poboación.