Noticias

As axudas do Plan Concellos 2016 estarán transferidas na súa totalidade antes de verán

O deputado de Cooperación, David Regades, sinala que no primeiro trimestre do ano xa están adxudicadas o cen por cen de axudas para emprego, o 85 por cento de gasto corrente e o 84 por cento de actividades culturais, deportivas e musicais, que representan máis de 13 millóns de euros en total


19 abr 2016
Plan Concellos

O Plan Concellos 2016 estará transferido na súa totalidade aos concellos antes do verán, segundo sinalou hoxe en rolda de prensa o deputado provincial de Cooperación da Deputación de Pontevedra, David Regades.

De feito, no primeiro trimestre do ano xa se concederon 13 millóns de euros, o que representa o 31,75 por cento da totalidade do plan. Destaca o grao de execución das liñas de actividades deportivas, culturais e musicais, a de emprego ou a de gasto corrente, onde o grao de execución é do cen por cen, do 84 e 0 85 por cento, respectivamente.

Regades recordou que o Plan Concellos naceu como unha iniciativa da nova Deputación como unha forma de recoñecemento do municipalismo e para garantir regras iguais para todos os concellos, independentemente da cor política do seu alcalde, sen discriminación e nun réxime de concorrencia. "Nós apostamos pola autonomía local e que sexan os propios concellos os que decidan as inversións e o destino das subvencións nos seus municipios elixindo o seu futuro".

Este plan conta con corenta millóns de euros, "o que representa o 31,5 por cento da totalidade do orzamento da Deputación", sinalou o deputado provincial; "foi incrementado con outros 7,3  millóns de remanentes adicados a asistencia técnica dos concellos da provincia".

O grao de execución das catro liñas que compoñen o Plan Concellos 2016 é moi alto, agás a liña de investimento, que leva unha tramitación máis longa pola complicación que supón a realización dos proxectos de obras e as correspondentes autorizacións doutras administracións.

A liña xa concedida na súa totalidade é a correspondente ao plan de emprego, pola que os concellos xa dispoñen de nove millóns de euros para a contratación de preto de mil duascentas persoas para reforzar os seus cadros de persoal municipais.

A liña 3, dedicada a subvencións a entidades deportivas, culturais, e musicais, entre outras, conta cun grao de execución do 84,04 por cento, o que supón que máis de 1,1 millóns de euros xa foron entregados aos concellos da provincia.

No caso da liña 2, dedicada a subvencionar o gasto corrente dos concellos, o grao de concesión xa está nun 85,54 por cento, o que supón que máis de 1,9 millóns de euros están xa concedidos aos concellos.

No caso da liña de investimentos (liña 1) concedéronse máis de 1,5 millóns de euros neste primeiro trimestre, ante as preto de 450 solicitudes que presentaron os concellos para obras e investimentos.

Por último, o deputado de Cooperación subliñou a dotación da Caixa de Anticipos con medio  millón de euros a maiores do dedicado en 2015. En total, serán 1,5 millóns de euros, que os concellos poderán solicitar en fórmula de préstamos, por concorrencia competitiva pero sen xuros. "Os concellos poderán solicitar ao longo deste 2016 préstamos a esta Caixa de Anticipos, sen xuros nin intereses, non como ocorría até agora, cando tiñan que pagar un dous por cento de xuros da cantidade solicitada", sinalou Regades.