Noticias

As alcaldías da fronteira do Miño reúnense este luns para concretar "accións de protesta contundentes e inminentes" coas que reclamar a apertura de pasos

As principais pontes de conexión entre Pontevedra e o Norte de Portugal locen hoxe pancartas reivindicativas do AECT Rio Minho para visibilizar a indignación da cidadanía da ‘raia'


30 maio 2020
Pancartas AECT Minho

Alcaldes e alcaldesas da fronteira do Miño esgotaron a paciencia. Este luns, tal e como tiñan anunciado esta semana, as e os mandatarios da Guarda, O Rosal, Tomiño, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço, xunto co AECT Rio Minho reuniranse para concretar as accións de protesta que desenvolverán de maneira conxunta e inminente despois de que o ultimátum para a apertura de máis pasos fronteirizos con Portugal non fose atendido.

Como paso previo ás mobilizacións que se realizarán nesta semana que entra, o AECT Rio Minho acaba de colocar nas principais pontes entre Pontevedra e Portugal pancartas solicitando a reapertura dos pasos fronteirizos. O obxectivo destas faixas (colocadas nas varandas e nos valados que cortan a circulación nos viadutos) é facer visible a indignación de toda a cidadanía da ‘raia', que en moitos casos está obrigada a dar rodeos de ata 200 quilómetros para acudir aos postos de traballo, ve como non ten público nos seus negocios, e sufre de separación social a pesares de que no día a día a súa relación é tan estreita como dentro dun mesmo municipio.

Como xa dixeran as e os rexedores das Eurocidades do Miño, nestes momentos o territorio está totalmente asfixiado, e non se entende como, a pesares da singularidade das relacións (é o treito de fronteira con máis mobilidade entre ambos estados e o que suma máis poboación), as administracións competentes non teñen movido ‘ficha' e flexibilizado o peche dos pasos. A gota que vén de colmar o vaso, segundo explica o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, foi o anuncio da apertura doutros tres pasos a partires do vindeiro luns a nivel estatal, un deles en Ourense, entre os municipios de Tourém e Calvos de Randín, onde a veciñanza poderá circular sen restricións en determinados días e franxas horarias.  

"Como é posible que se abran pasos noutros lugares, e na franxa máis activa social e economicamente falando sigan e sigan as limitacións nun momento no que a situación sanitaria é xa moito mellor e igual en ambas marxes do río? As consecuencias económicas están a ser incalculables", destacou Benítez. O nacionalista, en contacto directo con todos e todas as alcaldesas destaca que o sentir dos mandatarios é de "total frustración" ante a ausencia de resposta tanto polo Goberno central como por parte da Xunta de Galicia, que non intercedeu nin deu pasos para solucionar a problemática.

Benítez manifestou o apoio total ás reividicacións que onte realizaron o alcalde de Tui e o presidente da Câmara de Valença pedindo a apertura peonil da ponte vella. Destacou que ambos rexedores estarán presentes tamén nas protestas conxuntas que se desenvolverán esta semana.

Hai que lembrar que o AECT iniciou as reclamacións da apertura de pasos coa sinatura dunha declaración formal o pasado 28 de abril por parte das alcaldesas e alcaldes da raia. O documento foi remitido ao Goberno central e ás delegacións, á Xunta, así como a diversas entidades co fin de buscar solucións inmediatas para a grave situación socioeconómica. O AECT Rio Minho, personalizado no seu director, Uxío Benítez, e no seu vicedirector, reuniuse nos días pasados co propio delegado do Goberno en Galicia, quen tramitou a solicitude de apertura de pasos aos Ministerios de Sanidade e Interior sen ter unha resposta frutífera.