Noticias

As adopcións no CAAN dende o ano 2015 superan o listón das 3.000

Un total de 461 animais atoparon un novo fogar tan só no que vai deste ano. Son 149 máis que no mesmo período de 2020, no que o centro conseguiu o seu récord anual


21 agosto 2021
CAAN

Coa saída, o pasado xoves, de nove cans e cadelas, o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra vén de superar a cifra das 3.000 adopcións acadadas desde 2015. Unha cifra impulsada polos excepcionais rexistros acadados nos últimos dous anos, en que as instalacións da Armenteira superaron, consecutivamente, o seu récord anual de adopcións. Así, no 2019, foron 466 animais que atoparon un novo fogar  e no 2020 a cifra creceu ata os 583. As previsións apuntan tamén a que este 2021 será outro ano histórico no centro da institución provincial, xa que ata o 19 de agosto o número de cans e cadelas adoptados foi de 461, cun espectacular incremento do 47,7% con respecto ao pasado ano por estas mesmas datas.

O CAAN, que é referencia de benestar animal en España, conta neste momento coa adhesión ao servizo dun total de 50 concellos da provincia. En concreto, este pasado xoves alcanzou as 3.007 adopcións desde o 2015, coa saída de nove animais: "Calista", "Calisto", "Lois" e "Pedro" ao seu novo fogar en Vigo; así como as de "Xurxo" e "Peru" a Pontevedra e as de "Goio", "Mero" e "Bernal", que xa desfrutan coas súas novas familias nos concellos do Rosal, Madrid e Cuntis respectivamente. Todos eles entraran no centro nos últimos dous meses e incluso "Mero" tan só pasou no CAAN 17 días trala súa recollida o 2 de agosto en Vila de Cruces. Destaca tamén a historia de "Calista" e "Calisto", dous cans que foran recollidos o 12 de xullo en Lalín e que saíron xuntos tamén o mesmo día cara ao seu novo fogar en Vigo.

Redúcese o tempo de estancia media

Con estes animais, son xa 461 as adopcións acadadas no que vai do 2021 no CAAN, case tantas como todas as do 2019 (466) e que tamén superan con amplitude ás do pasado 2020 de récord. Tanto é así que no mesmo período do ano pasado  (do 1 de xaneiro ata o 19 de agosto) producíranse 312 adopcións. Amais, estase a producir unha significativa redución nos tempos de estancia dos animais, cumpríndose así un dos obxectivos fundamentais do centro, dedicado á recuperación dos cans e cadelas e a facilitarlles a consecución dun novo fogar no menor tempo posible. Deste xeito, neste 2021 a media de estancia está a ser de 86 días, moi por debaixo dos 123 días do pasado 2020 e dos 124 días do 2019.

En canto ao destino dos animais adoptados ao longo do que vai deste ano, tan só un viaxou ao estranxeiro, concretamente a Portugal. En Galicia tramitáronse un total de 411 adopcións, a maioría (351) na provincia de Pontevedra, mentres que o resto repartíronse polas comunidades autónomas de Castela e León (30), Madrid (8), País Vasco (3), Cataluña (3), Castela A Mancha (2), Comunidade Valenciana (1), Canarias (1), Asturias (1) e Estremadura (1).

No caso da provincia pontevedresa, Vigo é ata agora o concello con maior número de procesos de adopción, un total de 70, seguido de Pontevedra, con 45, e A Estrada, con 33. Hai que destacar tamén os datos de Meis e Poio, con 19 e 18 adopcións  respectivamente, así como as 14 acadadas en Cambados ou as 12 en Vilagarcía.

Entre os cans e cadelas adoptados este ano atópanse algúns dos animais máis veteranos do centro. En concreto, deuse saída este ano a "Macarena", "Adia" e "Paradita", as tres "avoas" para as que a presidenta Carmela Silva lanzara recentemente o reto de conseguir unha familia. A primeira, unha mastín de oito anos, chegara desde Pontecesures e no centro recuperouse dun gran corte na cara, para viaxar en xuño a súa nova casa en Barro. Pola súa banda, "Adia" unha pastora alemá de 9 anos encontrou fogar en Padrón e "Paradita", de 8 anos, en Pontevedra. Queda aínda no centro "Pitu", de dez anos, que fora recollido en Catoira en marzo deste ano.