Noticias

Arrancan os workshops das xornadas de "Dinamización e transformación do territorio na comarca do Deza"

O Viveiro de Lalín acolle este mércores e o venres os dous workshops para crear novas oportunidades organizados pola Deputación e a Fundación Roberto Rivas que completan o ciclo inaugurado o luns en Silleda


17 novembro 2021
Dinamización e transformación do territorio na comarca do Deza

As xornadas "Dinamización e transformación do territorio na comarca do Deza" son a nova aposta da Deputación de Pontevedra, xunto coa Fundación Roberto Rivas, para espallar a cultura emprendedora e dinamizar a cultura na comarca. Tralo éxito da súa inauguración o pasado luns en Silleda, á que asistiron preto de 80 persoas, chegan os dous workshops que pechan o ciclo no Viveiro de Empresas de Lalín. Celebraranse en formato online e presencial, e terán lugar este mércores 17 e o venres 19.

Os workshops pretenden servir de nexo de conexión entre axentes para facilitar a materialización de iniciativas e idear solucións e proxectos cos que crear novas oportunidades no territorio. Darán a coñecer experiencias de proxectos sostibles e de calidade en distintos ámbitos e zonas do mundo, e servirán de fonte de inspiración para os diferentes sectores económicos. As xornadas teñen como obxectivo dar visibilidade as oportunidades do Deza para desenvolver proxectos de vida, así como dar a coñecer proxectos punteiros da man dos seus promotores e promotoras.

O primeiro workshop, este mércores de 10.30 a 13.00, está centrado no sector forestal, gandaría, agricultura, enerxía e medio ambiente. Os seus/as asistentes poderán coñecer en directo Trasdeza Natur, o laboratorio de experiencias que se dedica á produción e transformación sostible e innovadora de hortalizas e froitas ecolóxicas; Beniu Solucións Agroforestais, especialistas en tratamentos aéreos con drones para mellorar a produtividade das explotacións e a Comunidade de Montes de Couso, adicada ao cultivo de shiitake. Pola súa banda o venres 19, na mesma franxa horaria, o workshop xirará arredor dos sectores da biotecnoloxía, a industria e a mobilidade. Nesta ocasión, os e as participantes descubriran Ferticulus, proxecto para facer abono con residuos de froiterías; Arual Ecology, empresa de roupa sostible que emprega tecidos ecolóxicos ou reciclados e Decove Bioconstrución & Passivhaus, que dota de equilibrio o respecto ao medio ambiente e a eficiencia enerxética das vivendas coa decoración.

Estes workshops pechan o ciclo inaugurado onte no Auditorio Semana Verde de Silleda, no que ademais de visibilizar as oportunidades da comarca, se destacaron e deron a coñecer proxectos emprendedores e iniciativas colaborativas que facilitaron a posta en marcha de ideas emprendedoras. Esta xornada contou con dous relatorios: un sobre as cinco boas prácticas inspiradoras nacionais e internacionais de emprendemento rural sustentable, (aliñadas cos sectores que se traballaran nos workshops), e outro para a posta en valor dos diferentes programas e proxectos de desenvolvemento que as institucións teñen en marcha.

As actividades están abertas, de xeito gratuíto, tanto a persoas como microempresas que residen en cidades e teñen inquedanzas por vivir en zonas rurais para emprender ou continuar proxectos empresariais, como a persoas emprendedoras da comarca e mozas e mozos, para que vexan que hai oportunidades no rural.