Noticias

Arrancan en Caldas as obras da nova edificación para a Escola de música enmarcada no Plan de Reequilibrio

Carmela Silva amosou a súa "felicidade" por este proxecto que segue o modelo de transformación do espazo público da Deputación de Pontevedra e aposta pola cultura


02 outubro 2018
Plan de Reequilibrio en Caldas de Reis

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, deron esta mañá o "pistoletazo" de saída ás obras de construción da nova edificación para a Escola de Música, Escola-Taller e outros usos municipais, enmarcadas no Plan de Reequilibrio posto en marcha pola institución provincial. O proxecto, que hoxe arrancou en Caldas co derribo dun muro, conta cun orzamento dun millón de euros dos cales a Deputación achega preto de 800.000 euros e o concello 200.000.

En liñas xerais, a actuación que se vai desenvolver na vila consistirá na posta en marcha dun edificio multiusos adaptado e accesible que albergará nun único espazo á Escola de Música, á Escola Taller e acollerá un espazo polivalente. Ademais, ao edificio vaise acceder por unha nova praza pública, aberta ao público e accesible, que permitirá integrar á veciñanza, ás persoas asistentes, ás escolas, ás e aos integrantes da Banda de Música da vila e ás peregrinas e peregrinos que transcorren polo Camiño Portugués. Tamén se acondicionará un espazo de manobras e un invernadoiro a carón da praza e do novo edificio.

Carmela Silva amosou a súa "felicidade" por este proxecto que segue o modelo de transformación do espazo público da Deputación de Pontevedra e aposta, ademais, pola cultura. Neste eido, a presidenta provincial recordou a importancia da cultura e da música para a cidadanía da provincia de Pontevedra e a necesidade de apostar por equipamentos culturais que fomenten a socialización e a relación entre as persoas.

A presidenta da Deputación destacou tamén a importancia desta actuación para a configuración de novos espazos de encontro e actividade da cidadanía. "Queremos cambiar a provincia e devolverlle á xente o público, para que poidan gozar das rúas e prazas", resaltou Silva. Deste xeito, a presidenta felicitou ao alcalde de Caldas "por entender que esta provincia merece que desde o local se fagan obras de calidade urbana, construtiva e humana" e recordou que, "no pasado pensábamos que a modernidade era construír moitas estradas para que circulasen os coches e hoxe sabemos que ese modelo foi un erro, que non se poden facer a costa de que a xente perda espazos públicos para o lecer".

Ademais, Silva puxo en valor a contorna na que se sitúa a nova edificación e praza pública, "ao lado dunha igrexa románica, dándolle máis visibilidade, e a carón do Camiño de Santiago, un dos grandes motores de desenvolvemento de turismo sostible e de calidade".

Pola súa banda, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, recordou que con este novo espazo "estamos sumando 10.000 metros cadrados ao servizo da veciñanza, con instalacións moi adecuadas que dan cumprimento a unha demanda histórica: a de atender á Escola de Música e á Banda de Música de Caldas". Xunto a esta actuación, Rey adiantou outros proxectos para a mellora da zona na que se instalará o novo edificio de usos municipais, como son o arranxo do Camiño de Santiago e a mellora do viario provincial.

A presidenta da Deputación aproveitou tamén a ocasión para recordar que a actuación acometida en Caldas enmárcase no Plan de Reequilibrio da institución provincial. Un plan "que pretende rachar co modelo do Goberno anterior, que soamente investía atendendo ás deputadas e deputados que interesaban segundo os partidos xudiciais. Nós non actuamos deste xeito; nós sabemos que os recursos son da xente e administrámolos para crear unha provincia máis potente, con máis cultura e máis igualdade", recordou Silva.

Plan de Reequilibrio da Deputación de Pontevedra naceu co obxectivo de garantir equipamentos e infraestruturas de calidade nos concellos e construír unha provincia onde todas as veciñas e veciños teñan os mesmos dereitos, independentemente de onde vivan. En total, o Plan da institución provincial está a beneficiar a 25 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes con 15 millóns de euros para desenvolver proxectos singulares nos seus termos municipais.

Fotos