Noticias

Arrancan as obras da reforma da praza de abastos de Mondariz, integrada no "Plan Concellos 2016" da Deputación de Pontevedra

A institución provincial achega preto de 30.000 € a un proxecto orientado a actualizar a súa imaxe interior e dinamizar os seus usos complementarios


04 out 2016

O deputado de Cooperación Municipal, David Regades, presentou esta mañá nunha rolda de prensa o inicio das obras da reforma da praza de abastos do concello de Mondariz, integrada no "Plan Concellos 2016". A obra estase a realizar no espazo interior do edificio que acolle o mercado, e que está orientada por unha banda á actualización da súa imaxe e, pola outra, á súa dinamización de cara a darlle novos usos complementarios, entre os que salientan un espazo de emprendemento. A institución provincial fai unha achega de 29.998,65 € dentro da liña 1 do "Plan Concellos 2016" e o prazo de execución das obras está previsto para este mes de outubro e o de novembro durante arredor de 45 días.

David Regades sinalou, a raíz do "Plan Concellos 2016", que "esta nova Deputación ten o compromiso de participar cos alcaldes e alcaldesas para que sexan os gobernos dos concellos quen decidan o futuro do seu territorio". Sobre a reforma, sinalou que "é unha grande posta en valor da imaxe que Mondariz quere dar de si mesma cara ao exterior e das actuacións dentro dos territorios locais", xa que "os alcaldes e alcaldesas teñen non só que solucionar os problemas máis cotiáns senón apostar pola economía, polos e polas comerciantes e pola xente emprendedora". As obras da praza de abastos de Mondariz constan de dúas fases, estando a segunda delas prevista para o ano que vén, e o Deputado provincial asegurou que "esta institución provincial quere estar aí".

O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, sinalou que "tiñamos claro que había que cambiar a dinámica e estamos satisfeitos e satisfeitas porque todos os praceiros e praceiras se sumaron ao novo proxecto". Ademais, engadiu que "trátase de colocar a praza no século que vivimos e defender o traballo de toda esta xente modernizándose, para así tamén axudar a que se perciba o produto que se ofrece nesta praza de abastos como un produto de calidade".

As obras a realizar son as seguintes: o acondicionamento dunha parte dos postos do mercado, a renovación das instalacións de fontanería e saneamento, a renovación e acondicionamento dos aseos para persoas con mobilidade reducida, a substitución do pavimento do espazo central e dos postos afectados, unha actuación nos paramentos externos dos postos de cara a conseguir unha imaxe unitaria e identificativa do mercado, a renovación do mobiliario dos postos centrais para así os dotar con elementos móbiles de carácter plurifuncional e unha intervención escénica mediante iluminación e pérgolas de estrutura lixeira orientada a dar unha nova proporción e escala ao espazo interior do mercado.