Noticias

Arranca o II Culturmiño co obxectivo crear novos actos culturais conxuntos no Miño Transfronteirizo

Creadores e axentes culturais máis persoal técnico dos concellos miñotos traballarán durante este mes para desenvolver iniciativas


06 maio 2021
IICulturmiño

O AECT Río Minho, da man da CIM Alto Minho e do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER), arranca mañá venres o II Foro da Cultura do Rio Miño Transfronteirizo ‘Culturminho' que se prolongará durante este mes co obxectivo de concretar propostas e iniciativas culturais conxuntas no territorio miñoto coas que optar a fondos europeos.

Axentes culturais privados e creadores do territorio galego portugués, xunto a persoal técnico de Cultura dos concellos e cámaras municipais da raia reuniranse para realizar un brainstorming sobre cales deben ser os eventos transfronteirizos a desenvolver con Portugal que permitirían mobilizar un público conxunto. O traballo xorde despois de analizar a situación da cultura no territorio do Miño o pasado ano nas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra, que se desenvolveran de maneira telemática por motivo da pandemia.

A idea é que neste segundo foro se desenvolvan varios grupos de traballo presenciais e en liña cunha titorización por parte de persoal experto nos que reflexionar colectivamente sobre as sinerxías creadas en ambas as beiras do Miño. Búscase aproveitar a industria cultural propia para xerar creatividade e mobilizar a economía aproveitando os equipamentos e actividades xa existentes.

As xornadas de traballo vanse desenvolver en catro sesións os venres do mes de maio, comezando mañá, de maneira alternativa en Paredes de Coura e no Concello do Rosal. As sesións deste venres e a do 14 de maio terán como título ‘Desing Thinking aplicado á creación de proxectos culturais no Río Miño transfronteirizo' e estarán titorizadas pola consultora e formadora, especialista en Creatividade Aplicada, Katja Tschimmel.

O vindeiro 21 de maio (Paredes de Coura) traballarase sobre ‘Proxectos de estruturación para o financiamento: aspectos críticos no desenvolvemento e a xestión'e ‘Orzamento, financiamento e comunicación'. Xa para finalizar, o 28 de maio farase unha análise crítica dos proxectos desenvolvidos e abordaranse ‘as ‘Redes internacionais: creación e xestión de redes e proxectos europeos' por parte dos especialistas en eventos culturais Lucía García e Nacho de la Vega.

Como peche e conclusión do ‘II Culturminho', o 18 de xuño terá lugar a presentación dos proxectos deseñados polas e polos axentes culturais no Centro Social Polivalente do Rosal para, unha vez examinados e valorados, decidir a posibilidade de que algún opte a fondos europeos.

Neste sentido, o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, salientou a importancia de optar a todos os fondos europeos posibles, destacando que desde o AECT Rio Minho se traballará por acadar cartos da UE dos programas ‘Europa Creativa-Cultura' e ‘Europa dos cidadáns', ademais dos que xa se están xestionando do Interreg e dos que poidan chegar do Plan de Recuperación Económica pos COVID-19 ‘Next Generation'.

"A cultura é unha parte moi importante para a reactivación económica do territorio miñoto. Nestes momentos no que a zona da fronteira sufriu un dobre impacto polo peche con Portugal, hai que multiplicar esforzos, propoñer proxectos e buscar financiamento para recuperar a actividade", insistiu Benítez.