Noticias

Arranca mañá na Escola de Enfermería o curso Igualdade entre Mulleres e Homes e Perspectiva de Xénero promovido pola Deputación de Pontevedra

O curso terá lugar durante catro martes consecutivos en horario de 11.30 a 13.30 horas, e será impartido pola Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de oportunidades de Galicia (APAIOGA)


07 outubro 2019
Escola de Enfermería

A Escola de Enfermería da Deputación de Pontevedra acollerá a partir de mañá o curso básico Igualdade entre Mulleres e Homes e Perspectiva de Xénero promovido pola institución provincial a través do Servizo de Igualdade. O curso, terá lugar durante catro martes consecutivos en horario de 11.30 a 13.30 horas, e será impartido pola Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades de Galicia (APAIOGA).

A través deste módulo de sensibilización, dirixido ao alumnado da Escola de Enfermería, preténdese formar sobre a importancia de contribuír á ruptura de estereotipos e prexuízos de xénero, así como difundir información sobre igualdade de oportunidades, discriminación, corresponsabilidade e violencia de xénero, así como proporcionar coñecementos e ferramentas para facilitar a reflexión autocrítica e promover actitudes feministas.

En total o curso ten unha duración de 8 horas divididas en catro sesións de dúas horas cada unha delas. Máis polo miúdo, ao longo das xornadas falarase sobre o sistema sexo-xénero e a discriminación como fenómeno estrutural; roles e estereotipos; estruturas de xénero; violencias machistas e a incorporación da perspectiva de xénero á práctica profesional da Enfermería.

A formación impulsada pola Deputación de Pontevedra no marco do primeiro curso da Escola de Enfermería será impartida pola asociación APAIOGA, entidade sen ánimo de lucro constituída no 2004. APAIOGA está integrada por axentes de Igualdade con formación específica teórico-práctica na materia. Ao longo da súa traxectoria ten realizado xa formación en Igualdade en universidades, centros educativos, concellos e outras administracións públicas, así como elaborado estudos e plans específicos sobre a Igualdade.