Noticias

Arranca este domingo a oitava quenda de "Depo Aventura A Lanzada"

Un total de 1.400 nenas e nenos, de entre 8 e 13 anos e de todos os puntos da provincia, gozaron do programa da Deputación de Pontevedra no que vai de verán


11 agosto 2018
Depoaventura, campamentos de verano de la Deputación de Pontevedra

A oitava quenda do campamento de verán "Depo Aventura A Lanzada" inaugurarase este domingo da man da deputada de Xuventude e Cohesión Social, Digna Rivas. Este programa da Deputación de Pontevedra, que está destinado a nenas e nenos da provincia de entre 8 e 13 anos, desenvolverase ata o 8 de setembro no Centro Vacacional A Lanzada.

Esta nova quenda contará, igual que as posteriores, con 200 participantes. A finalidade deste programa é achegar á mocidade actividades que contribúan ao seu enriquecemento persoal, á adquisición de habilidades sociais e ao coñecemento de espazos de interese fóra do seu contorno habitual. Polo tanto, as actividades ofertadas serán de carácter lúdico-educativo, cultural, deportivo ou formativo.

A principal novidade do "Depo Aventura" desta edición vén dada pola reposta e o compromiso adquirido tras a vaga de lumes (que asolou a provincia o ano pasado) de introducir actividades de formación e educación ambiental. Por iso, en cada unha das quendas haberá unha actividade centrada na concienciación sobre a posta en valor dos montes e na prevención dos lumes.

En total, as prazas ofertadas pola institución provincial para este campamento de verán ascenderon a 2.200, sendo 300 delas gratuítas para aquelas familias que se atopen en situación ou risco de exclusión social, algo que o Goberno de Carmela Silva leva facendo dende a súa chegada.

As e os participantes son rapazas e rapaces con idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos, nacidos entre o 2005 e o 2010, e que están empadroados nos concellos da provincia. Esta oitava quenda rematará o 18 de agosto, e as seguintes serán do 19 ao 25 de agosto, do 26 de agosto ao 1 de setembro e do 2 ao 8 de setembro.

Xunto a esta actividade, os campamentos da Deputación tamén están orientados á consecución de hábitos saudables, ao fomento de actitudes solidarias e de convivencia, á promoción da educación e da igualdade de xénero e ao fomento do respecto ao medio ambiente. Ademais, tamén se inclúe unha visita á Illa de Ons e outra de carácter cultural, deportiva ou relacionada coa natureza e, ao igual que aconteceu o ano pasado, deberanse impulsar actividades en lingua inglesa co obxectivo de mellorar o dominio do idioma nun contexto de lecer.


Novas relacionadas