Noticias

Arranca en Ponteareas a terceira edición de DepoRúarte, que neste 2018 chega á provincia para "pintar alternativas" a través da arte urbana

Desde este luns, 28 de maio, o alumnado do IES Barral de Ponteareas realizará un mural que recollerá as súas reflexións sobre temas sociais


27 maio 2018
Depo RúARTE

A Deputación de Pontevedra dá este luns, 28 de maio, o pistoletazo de saída á terceira edición do programa "DepoRúarte" no Concello de Ponteareas. Deste xeito, o IES Barral da vila acollerá o inicio das sesións para a posterior realización dun mural por parte do seu alumnado que recollerá as reflexión das mozas e mozos sobre temas sociais que lles preocupan.

O programa "DepoRúarte", destinado á mocidade da provincia de Pontevedra, arranca deste xeito unha edición chea de novidades. Así, este ano o eixo central da iniciativa da institución provincial será a arte urbana e terá como slogan Pintando Alternativas. O principal obxectivo da Deputación é educar na arte urbana á mocidade, para que poidan diferenciar entre o que é arte, e está a deixar unha pegada significativa en cidades como Lisboa, Bristol, Lyon ou Nova York, e o que é vandalismo urbano.

Máis polo miúdo, e xunto ao IES Barral de Ponteareas, participarán en "DepoRúarte" os IES Pazo da Mercé (As Neves), IES de Barro (Barro), IES María Soliño (Cangas), CPI Aurelio Marcelino Rey García (Cuntis), IES Chano Piñeiro (Forcarei), IES Auga da Laxe (Gondomar), IES Laxeiro (Lalín), IES de Meaño (Meaño) e IES Ribeira do Louro (O Porriño). En cada un dos centros levaranse a cabo catro sesións de debate e reflexión, coordinadas polo equipo de traballo en colaboración coas persoas traballadoras dos centros, co obxectivo de ofrecer ao alumnado participante unha formación básica que dote de recursos para identificar e analizar problemáticas sociais co fin de afondar no papel da arte urbana como ferramenta de cambio.

Posteriormente realizarase unha xornada de preparación da superficie a intervir no centro escolar (por parte do equipo de traballo), unha xornada de intervención colaborativa na que os alumnos e alumnas pintarán a superficie escollida xunto ao equipo de traballo e finalmente o equipo de traballo empregará as xornadas que resulten necesarias para que o mural quede debidamente rematado.

Tralo paso polo IES Barral de Ponteareas, en xuño "DepoRúarte" chegará ao IES María Soliño de Cangas e IES Chano Piñeiro de Forcarei. Os sete institutos restantes continuarán coa iniciativa da Deputación de Pontevedra a partir de setembro co inicio do novo curso escolar.