Noticias

Arranca a terceira edición da Feira do Pan do Porriño, un produto con máis de 400 anos de historia

Degustacións, música, maridaxes, un obradoiro infantil e un concurso de empanadas completan o programa desta festa o 1 e 2 de xuño en O Porriño


28 maio 2018
Presentació Feira do Pan do Porriño

Cunha degustación gratuíta de pan, xamón e cervexa arranca este venres a terceira edición da Feira do Pan do Porriño, presentada hoxe na Casa do Concello polo deputado de Turismo da Deputación de Pontevedra Santos Héctor, a alcaldesa de O Porriño Eva García, a presidenta da Asociación de Comerciantes do Porriño Juana Pérez e a cociñeira porriñesa e pregoeira da festa Marta Rodal. Dous días de festa este venres 1 e sábado 2 de xuño, con degustacións, música, maridaxes e un concurso de empanadas, cos que se persegue pór en valor a fonda tradición panadeira de Porriño, un produto con máis de catrocentos anos de historia segundo destacaron os asistentes ao acto.

O deputado Santos Héctor salientou que "a elaboración do pan pode ser un arte e cada vez é un produto máis apreciado" e que "dende logo O Porriño pode dicir con orgullo que o seu pan está entre os mellores pans que podemos probar". O deputado felicitou á Asociación de Comerciantes do Porriño e o Concello pola consolidación trala xa terceira edición da única feira do pan que se organiza na provincia de Pontevedra. Pola súa banda, a alcaldesa Eva García de la Torre destacou o papel desta feira no "relanzamento do pan de O Porriño, seña de identidade do municipio".

Dous días de festa e moito pan

A festa arrincará o venres día 1 de xuño ás 19:00 horas cunha degustación gratuíta de 200 racións de pan, xamón e cervexa artesá, completando así a oferta gastronómica para facer máis atractivo o evento. De feito, na feira ademais das panaderías Amaquía, O Forno de Mosende, Erundina, Chinchina, Argibay, Os Milagros, Torneiros e Progreso, contarán con presencia en stand diversas bodegas, queixerías, unha cervexaría artesanal, distribuidores de embutidos, marmeladas e licores.

O sábado 2, e trala apertura de stands de pan e produtos convidados ás 10:00 da mañá, a música tomará a rúa da man da Charanga OT. O turno do pregón será ás 12.00 horas da man da cociñeira porriñesa Marta Rodal, para despois dar paso ás 12:30 a maridaxes do pan con outros produtos para explorar as súas posibilidades culinarias da man do centro de formación profesional EFA A Cancela.

As e os máis pequenos da casa tamén terán oportunidade de participar da celebración grazas a un obradoiro infantil de bolas de pan, o "Mini Pan", o sábado pola tarde, ás 17:00 horas concretamente. E xa para finalizar, antes da clausura da festa ás 21:00 da noite, celebrarase o primeiro certame de "Empanadas no ring", na que as e os cociñeiros se enfrontarán nunha de seguro complicada competición por acadar o premio nunha clara aposta pola cociña tradicional galega.