Noticias

Arranca a programación cultural de verán da Deputación cun espectáculo de circo en Soutomaior e música de piano e electrónica na Estrada

"Tras as ameas" se estrea este mércores no castelo cun espectáculo da compañía SU.MA con todas as prazas esgotadas


30 xuño 2021

A Deputación de Pontevedra inicia este mércores a súa programación para "aviventar" cultura este verán cunha excepcional acollida por parte da cidadanía. Deste xeito, o ciclo "Tras as ameas", que levará un total de doce espectáculos familiares aos castelos de Soutomaior e Sobroso, arranca xa esta tarde coa capacidade completa, como xa o teñen tamén outras catro das actividades previstas. Pola súa banda, "Música no ar", que prevé 11 actuacións de música en espazos singulares e patrimoniais da provincia, arranca este xoves 1 de xullo coa actuación do pianista Javier Otero no pazo da Oca da Estrada.

O espectáculo familiar de circo, danza e acrobacia Ikigai, a cargo da compañía SU.MA, comezará, ás 19 horas, no castelo de Soutomaior. Serán 50 minutos de danza, circo, acrobacia, teatro xestual e belcanto en clave de clown, nunha montaxe que aborda temas como a superación persoal e o sentido da vida. Ikigai, como sinala a compañía, supón unha mirada optimista e evocadora da alegría de vivir, na que calquera "catástrofe" pode tornarse na chave para chegar máis profundo ao corazón. Baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, protagonizan o espectáculo Sue Moreno e María Move, mentres que a música é orixinal é de María Move e Raúl Grillo e a escenografía de Mark Torrecillas.

Doutra banda, o primeiro dos espectáculos de "Música no ar" chega este xoves 1 de xullo a un escenario tan singular como o xardín do pazo de Oca da Estrada, onde o artista Javier Otero Neira, acompañado de Rubén Iglesias, porá en escena o seu novo proxecto, Reconstruction. Neste caso, o acceso é libre hasta completar a capacidade. Javier Otero é un artista polifacético e experimental, que forma parte dunha nova xeración de pianistas con proxección nacional e internacional. Reconstruction é o seu novo proxecto e conxuga vangarda coa esencia do piano e a música electrónica. Nel, Otero asumiu todo o traballo de interpretación, produción e posprodución e incluso a publicación foi co seu selo Landra Music. Neste directo, Javier Otero toca o piano e sintetizadores, e Rubén Iglesias o baixo eléctrico e os sintetizadores.

Resto da programación

En "Tras as ameas" ademais da actuación de hoxe de SU.MA, xa teñen as súas prazas esgotadas os espectáculos de circo Culturaactiva, o día 22 de xullo en Sobroso, e os de maxia que protagonizarán Pedro Volta o 15 de xullo en Soutomaior e o Mago Paco o 12 de agosto en Sobroso. Tamén está cuberto o obradoiro de Pilar Alonso en Soutomaior o 19 de agosto. Si quedan algunhas localidades para o resto dos eventos que no caso do mes de xullo protagonizarán de Píscore (concerto con fusión) o día 8 en Sobroso e o da compañía Trilitrate Está de grelo o día 29 en Soutomaior. En agosto, en Soutomaior haberá sesión de contacontos con Aldaolado o día 5 , mentres que en Sobroso terán lugar obradoiros para toda a familia con Taller Abierto o día 26. E xa en setembro, haberá en Soutomaior acción escénica con Teatro Ghazafelhos, que representará A illa sen tesouro o día 1, e música con historia no espectáculo Asdomare, a cargo de Vero Rilo e Sonsoles Penadique, o 29, mentres que en Sobroso terá lugar a sesión de contacontos con Caxoto. A trastenda dos contos o día 8. As persoas interesadas poden inscribirse a co formulario na páxina web (www.depo.gal).

No caso de "Música no ar" o venres 16 de xullo actuará Ana Belén Rodríguez Trío na praza de San Fernando de Tui, mentres que o sábado 17 o fará Vertixe Sonora no Espazo Cara a Ría de Pontecesures e o día 23, Clara Pino (arpa e voz), e Pablo Vidal (contrabaixo) no exterior da igrexa de San Martiño de Berducido, na Lama. Xa en agosto, a programación chegará o día 8 á praza Maior da Cañiza, con Samudra Trío e o día 22, aos xardíns da praza de Fefiñáns de Cambados con Estefanía Cereijo (piano) e Esperanza Mara (soprano). E en setembro, os espectáculos previstos arrancan o día 5 con Suelen Estar Quartet no pazo Conde de Gondomar, e continuarán co de Pulso Ensemble o día 9 nos xardíns do castelo de Soutomaior. Ademais, a praza da igrexa de Santo André no Hío en Cangas acollerá o venres 10 o concerto de Raíces Aéreas e o mosteiro de Carboeiro de Silleda o día 11 a actuación de Brais González (piano), e Beatriz Arenas (soprano). O programa finaliza o día 18 con Odaiko Percusión na praia fluvial do Val en Mondariz.

A información de todas as actuacións figura na web da Deputación e en todos os espazos o acceso para os concertos é libre ata ocupar a capacidade, excepto en Cambados e Gondomar, para os que se debe reservar en biblioteca@cambados.es e taquilla@concellodegondomar.gal. No caso do o concerto do 9 de setembro no castelo de Soutomaior tamén hai que reservar en participa.cultura@depo.es.