Noticias

Arranca a terceira fase do Plan Móvese, con 2,7 millóns de euros e 500 iniciativas, para garantir a seguridade viaria na rede de estradas da Deputación

Carmela Silva: "Non hai ningunha outra provincia que teña un proxecto tan potente de actuación nas vías provinciais. Imos dinamizar a economía a través do efecto multiplicador dos recursos públicos"


23 marzo 2021
Arranca a III fase do Plan Móvese

A Deputación de Pontevedra acaba de lanzar a terceira fase do Plan Móvese, dotada con 2,7 millóns de euros para impulsar ata 500 actuacións que van garantir a mobilidade e velocidade seguras en tramos de estradas provinciais de 54 concellos da provincia. "Somos a provincia co plan máis ambicioso e potente de toda Galicia. Non hai ningunha outra provincia que teña un proxecto tan potente de actuación nas vías provinciais", asegurou a presidenta Carmela Silva, quen destacou que, cos 2,7 millóns de euros cos que está dotado o plan, "imos dinamizar a economía a través do efecto multiplicador dos recursos públicos".

A través da terceira fase do Plan Móvese, que foi presentada pola presidenta xunto ao deputado de Infraestruturas Gregorio Agís, "non haberá nin unha soa vía provincial analizada con riscos para os peóns que vaia quedar desatendida". Así, vanse impulsar preto de 500 actuacións en estradas provinciais que transcorren por 54 concellos para "seguir a ser unha referencia a nivel galego e estatal de mobilidade amable". Dende o 2016 e no marco do Plan Móvese realizáronse 1.475 actuacións en 57 concellos da provincia e investíronse 8,2 millóns de euros para "transformar as vías provinciais a través dun modelo claro" que responde aos obxectivos de mobilidade amable e sostible, conectividade urbana e accesibilidade universal, que aposta por políticas ambientais, redución da pegada de carbono e accidentes, así como pola protección das persoas máis vulnerables e pola creación de espazos de coexistencia equitativa entre viandantes e vehículos.

Para esta terceira fase do Plan Móvese a institución provincial vai realizar "un importante esforzo, ao poñer a disposición cerca de 2,7 millóns de euros, que ata o de agora eran bianuais, nun ano para dinamizar a economía", asegurou a presidenta. "Cando presentamos os orzamentos deixamos moi claro que no 2021 había que facer un grande esforzo inversor para mobilizar e poñer recursos para manter empresas e  empregos", destacou Silva, ao explicar as razóns que motivan o carácter anual da terceira fase do Plan neste 2021. Deste xeito, están xa licitados por valor de 2,7 millóns de euros os tres lotes que se corresponden coa zona norte, centro e sur, nas que se vai actuar dando resposta ás propias demandas dos concellos, da cidadanía e tamén do estudo realizado pola institución provincial sobre o estado das vías provinciais.

En concreto, na zona norte (que comprende os concellos da Estrada, Caldas de Reis, Catoira, Cerdedo-Cotobade (na zona de Cerdedo), Cuntis, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda, Valga e Vila de Cruces) vanse investir 603.312,41 €, impulsando 121 actuacións. Na zona centro (A Lama, Barro, Bueu, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade (na zona de Cotobade), Fornelos de Montes, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña,  O Grove, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa) os investimentos ascenderán a 928.233,39 € para realizar 166 actuacións. No caso da zona sur  (A Cañiza, Arbo, As Neves, Baiona, Covelo, Crecente, Gondomar, Mondariz, Mos, Nigrán, O Rosal, Oia, Ponteareas, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui e Vigo) o investimento é de 1.127.319,41 € para impulsar 192 actuacións. "Queda moi claro –asegurou a presidenta- que actuamos en toda a provincia, que cumprimos con todas as vías provinciais".

O deputado Gregorio Agís sinalou que o programa "está funcionando e está a minimizar a concentración de accidentes nas estradas provinciais". Neste eido, Agís deu a coñecer que os últimos estudos realizados poñen de manifesto a "tendencia descendente" dos tramos de accidentes que pasaron de catro no 2017 a cero no 2020. O deputado, que incidiu na importancia do plan para "dar resposta directa a puntos concretos que xeran conflitos e problemas", detallou algunhas das iniciativas que se impulsan no marco do Plan Móvese, entre as que se atopan os redutores físicos de velocidade e os pasos peonís sobreelevados, que protexen a visibilidade fronte ao estacionamento, dan continuidade da rasante do paso e da beirarrúa e garanten a iluminación do paso peonil a través de luminarias led e leds dinámicas.

Presentación do Plan Móvese (Pptx)

Audios

  • Audio