Noticias

Arranca a esperadísima Vía Verde do Salnés da man da Deputación de Pontevedra e dos concellos de Portas, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa

Carmela Silva: "Hoxe cumprimos co noso compromiso e oxalá esta iniciativa conxunta sexa un exemplo para a recuperación de vías verdes noutros lugares"


28 decembro 2018
sinatura do convenio de colaboración entre Deputación de Pontevedra e concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía de Arousa

A Vía Verde do Salnés, que dará un novo uso a boa parte das infraestruturas do tren fóra de servizo en parte da liña Redondela-Santiago, deu hoxe un importante paso cara adiante coa sinatura do convenio de colaboración entre Deputación de Pontevedra e concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía de Arousa. No acto de sinatura participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Portas, Víctor Estévez; o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey; e maila alcaldesa en funcións de Vilagarcía de Arousa, Tania García. Tamén estivo presente o deputado provincial de Cooperación, Carlos López Font.

Segundo o convenio asinado esta mañá, vaise acometer a primeira fase do proxecto de acondicionamento da Vía Verde do Salnés, cuxo obxectivo é proporcionar un uso alternativo á infraestrutura do ferrocarril fóra de servizo en parte da liña Redondela-Santiago de Compostela, ao seu paso polos municipios de Portas, Caldas e Vilagarcía. Deste xeito preténdese dar resposta á crecente demanda da cidadanía para dispor de servizos turísticos alternativos, que lles permitan practicar diferentes experiencias deportivas, culturais e de contacto coa natureza.

"As vías ferroviarias abandonadas teñen que ser recuperadas para o espazo público e proxectos coma este son un exemplo. É de salientar que tres concellos distintos sexan capaces de pórse de acordo para crear un proxecto común. Sumar sinerxias é moi importante para sacar adiante iniciativas", destacou a presidenta, quen lembrou que a Deputación de Pontevedra cumpre así o compromiso manifestado desde sempre con este proxecto. "A xente vai ter así un argumento máis para vir visitarnos, porque isto é o que precisamente agora máis demandan as persoas que nos visitan, lugares onde poder gozar de experiencias diferentes", lembrou Carmela Silva.

A primeira construtiva para a Vía Verde do Salnés ten un investimento de 356.186,87 €. A Deputación achega 200.000 euros e os concellos o importe restante: Portas 18.392,35 euros, Caldas de Reis 53.675,11 euros e Vilagarcía de Arousa 84.119,41 euros. O proxecto global para esta Vía Verde é de algo máis de 565.000 euros, cuxa parte restante correspondería á Xunta de Galicia. A presidenta provincial informou de que, minutos antes da sinatura deste convenio, a Xunta remitiu unha proposta de borrador de convenio para asinar a tres bandas, pero Silva anunciou que "por parte da Deputación estamos encantadas e encantados de que hoxe a Xunta por fin se decidise a financiar a súa parte, pero terán que elaborar un novo convenio para asinar cos municipios e levar a cabo a parte que queda deste proxecto".

Pola súa parte, a alcaldesa en funcións de Vilagarcía, Tania García, tamén deu a benvida á incorporación da Xunta "se como parece decide comprometerse con este proxecto despois de tanto tempo. Hoxe é un día moi especial porque vai ser realidade un proxecto no que levamos moito tempo traballando e no que esta Deputación sempre creu". O alcalde de Portas, Víctor Estévez, agradeceu tamén o traballo conxunto para poder sacar adiante esta iniciativa. Por último, o alcalde de Caldas de Reis, o concello que empezou a loitar por esta Vía, asegurou que grazas a isto, "vai medrar a calidade turística da provincia, converténdonos nas e nos pioneiros e primeiros en Galicia en pór en marcha un proxecto coma este".

A Vía Verde do Salnés converterase na primeira Vía Verde íntegra en Galicia, xa que na actualidade só existe a Vía Verde do Eo, que é compartida entre o territorio de Galicia e Asturias, collendo unha pequena parte do interior da provincia de Lugo. A nova Vía terá unha lonxitude de case 10 quilómetros, partindo de Abelle (Rubiáns), pasando por Caldas e rematando na estación de Portas. Será unha senda peonil e ciclista que aproveitará o trazado ferroviario en desuso entre Caldas, Portas e Vilagarcía. Ao longo do percorrido destacan múltiples lugares e puntos de interese coma o pazo de Rubiáns, o antigo apeadoiro de Ande, a ponte metálica sobre o Umia ou a antiga azucareira de Portas.