Noticias

Areeiro segue a recomendar a vixilancia permanente das viñas ante o recente avance do mildio

O centro fitopatolóxico da Deputación aconsella tamén controlar a bolboreta do busco, aínda que de momento non é preciso tratar


05 xuño 2021
Aviso fitosanitario 04/06/2021

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que segue a recomendar unha vixilancia permanente das viñas ante o recente avance do mildio, favorecido polas condicións meteorolóxicas das últimas semanas e que se manifestou na aparición de manchas novas en xeral en todas as comarcas. O persoal técnico da EFA lembra non obstante que a maioría das viñas recibiron tratamentos contra esta patoloxía nos últimos días e polo tanto manteñen o período de protección teórica, ao que hai que unir que as predicións para os vindeiros días non son favorables ao desenvolvemento da enfermidade, polo que, salvo naqueles predios onde haxa afectación xa nos acios, haberá que realizar este control constante para determinar se é preciso realizar unha nova intervención.

Ademais, o persoal de Areeiro insiste novamente en non descoidar as labores culturais que faciliten a ventilación das plantas, incluíndo as podas en verde, naquelas viñas onde a frondosidade das plantas é demasiado elevada.

No caso do oídio, a Estación Fitopatolóxica sinala que non se observaron síntomas, pero este é un momento de máxima sensibilidade, polo que convén non baixar a vixilancia, mentres que no caso do black rot, tampouco houbo apenas incidencia. Doutra banda, no que se refire a outros parasitos da viña, o persoal da EFA sinala que son máis visibles os glomérulos de Lobesia, pero normalmente esta primeira xeración non require tratamentos.

Doutra banda, o aviso fitosanitario de Areeiro refírese tamén á bolboreta do buxo. Sinala que aínda que esta semana capturáronse os primeiros adultos da Cydalima perspectalis, co que da comezo unha nova xeración, de momento non é preciso tratar.