Noticias

Areeiro segue a recomendar a vixilancia das viñas fronte ao mildio, aínda que estean protexidas, para frear o seu posible avance

O centro da Deputación aconsella tamén vixiar as viñas fronte ao Black-rot e lembra que os produtos contra o mildio e o oídio tamén son efectivos contra esta patoloxía


23 maio 2021
Planta testemuña areeiro

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, lanza un novo aviso fitosanitario no que segue a recomendar a vixilancia intensa das viñas debido ás condicións favorables para o desenvolvemento do mildio. Neste senso, desde a EFA destacan que a situación meteorolóxica dos últimos días, con xornadas de choiva e con humidade alta, unida as previsións de continuidade destas condicións nos vindeiros días, fan preciso este exhaustivo control aínda que as viñas estean teoricamente protexidas, xa que pode ocorrer que incluso na mesma folla haxa manchas ben curadas e outras non e ademais hai que ter en conta que a fase de floración, que está próxima ou comezando, é moi sensible á citada patoloxía da viña. Doutra banda, aconsella non descoidar as prácticas de sega da vexetación do solo, que está a medrar vigorosamente debido ao tempo que se rexistra.

Así mesmo, o aviso refírese tamén a que as actuais condicións meteorolóxicas son favorables ao desenvolvemento do Black rot e, neste senso, en dúas viñas revisadas, detectouse algunha folla cunha pequena mancha do patóxeno. Areeiro lembra que existen produtos fronte o mildio e/ou fronte ao oídio que tamén amosan eficacia fronte a este fungo e que a posible presenza de plantas abandonadas próximas afectadas contribúe de xeito significativo a incrementar o risco de ataque, polo que deben ser eliminadas.

No que atinxe á botrite, aínda que non se detectaron síntomas de podre nas viñas revisadas, si se observaron máis pampos rotos debidos ao vento, e tamén follas, polo que o persoal da Estación recorda que estes pampos que están a secar é conveniente retiralos. Por último, o aviso sinala, no caso doutros parasitos da viña, que as incidencias máis salientables foron a aparición dos primeiros glomérulos de Lobesia esta semana, aínda que sen risco, e a permanencia de caracois en moitas viñas.