Noticias

A EFA segue a recomendar a revisión das viñas polo mildio e a realización de tratamentos no caso de que se detecten síntomas

O centro dependente da Deputación de Pontevedra suxire que, de ter que intervir naquelas viñas de zonas onde caera sarabia ou pedrazo, se escolla un funxicida que leve unha materia activa con efecto cicatrizante


17 abril 2020
Viña con erinose

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro da Deputación de Pontevedra, lanzou un novo aviso fitosanitario no que volve recomendar a revisión das viñas para detectar as posibles manchas do mildio. Aínda que a climatoloxía dos últimos días, con precipitacións intermitentes e temperaturas suaves de día e frescas de noite non motivan que o crecemento deste cultivo estea a evolucionar de xeito significativo, desde a EFA lembran que se deben seguir vixiando as viñas, tanto as que aínda non foron tratadas (nas que a revisión debe ser máis intensa) coma as que xa recibiron algún tratamento; neste caso porque, aínda empregando produtos que non se lavan coas choivas, con elas o seu período de protección redúcese fronte ao período teórico. Areeiro insiste en será necesario tratar ao detectar síntomas, e haberá que aproveitar momentos de claros no caso de que as previsións meteorolóxicas máis pesimistas se cumpran.

A responsable dos avisos sanitarios da Estación, Rosa Pérez Otero, informou de que, a pesar destas circunstancias, non detectaron novas manchas de mildio na revisión que lles fixeron esta semana ás viñas que están a visitar mentres existan limitacións derivadas do estado de alarma, nin nas dúas parcelas do Salnés onde foran detectadas con anterioridade nin nas demais, que, na súa maioría, non recibiron tratamento ningún.

No caso daquelas viñas de zonas onde caera sarabia ou pedrazo, no caso de ter que intervir, desde a EFA recomendan elixir un funxicida que leve unha materia activa con efecto cicatrizante, e apuntan que a adición dun axente mollante ao caldo favorecerá a distribución e a adherencia do produto ás plantas.

Doutra banda, si que se observou, tanto nunha viña abandonada do Condado coma na de Areeiro, o primeiro síntoma de black rot. En ambos os dous casos só se trataba dunha mancha, pero xa eran visibles as frutificacións do fungo. O aviso fitosanitario sinala que, de continuar as condicións de climatoloxía húmida, probablemente se incremente a súa presenza.

No caso da botrite, os recentes fenómenos de sarabia e pedrazo produciron roturas de gromos e de follas, ademais doutras lesións que serán máis evidentes co paso dos días. Coa humidade que se espera vai haber nos próximos días e algunhas previsións de ventos fortes este patóxeno pode instalarse sobre estas lesións e feridas, como apuntan desde a Estación, polo que recomendan que se hai que renovar o tratamento contra o mildio se empregue unha materia activa con efectos fronte a este outro patóxeno.

Tamén con respecto ás viñas, nesta semana o persoal da EFA observou que os síntomas de erinose se incrementaron sensiblemente nalgunhas delas, ata mesmo paralizar o desenvolvemento dalgunhas follas. Porén, non é necesario tratar o ácaro que o produce, xa que o síntoma non provoca danos e un potencial tratamento podería alterar a fauna útil que hai nas viñas, especialmente naquelas que reciben poucos tratamentos. Por último, o aviso fitosanitario tamén alerta de que segue a incrementarse a presenza de caracois nas viñas, ao igual que noutros cultivos (especialmente nas hortas) e, así mesmo, empezan a manifestarse síntomas de alteracións da madeira nalgunha viña.

Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19 a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outros predios visitados e os datos aportados por persoal técnico e viticultor. As e os técnicos da Estación destacan que, aínda así, convén confirmar a situación particular de cada predio, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.

O aviso fitosanitario advirte tamén sobre as enfermidades doutros cultivos. Así, apunta que a climatoloxía moi húmida dos vindeiros días pode propiciar a aparición de bacterioses no caso do kiwi nun momento no que é moi sensible (coa aparición de botóns florais) e no que as plantas deberían estar protexidas. A este respecto, Rosa Pérez apunta que os produtos cúpricos, así coma o Bacillus subtilis, están autorizados, e ambos os dous teñen efecto tamén fronte a podremia, que se pode instalar igualmente nas plantas daquelas zonas onde caera pedrazo ou onde, de producirse ventos como anuncian algunhas previsións, haxa roturas de brotes ou follas.

No que se refire á maceira, nesta semana non se atoparon síntomas de xaspeado nas plantas das parcelas visitadas, pero a elevada humidade relativa destes días é un dos factores favorables para a súa aparición, aínda que o risco é moderado. Por este motivo, se non se realiza un seguimento específico das plantas e estas son moi sensibles, pódeselles aplicar un tratamento no momento no que sexa posible, sobre todo se non hai moita flor, procurando empregar un funxicida que non se lave coa choiva.

No caso das froiteiras de óso, coas actuais precipitacións que se están a rexistrar poden ir aparecendo diferentes patoloxías que afecten as follas (coma o "cribado") ou que poidan afectar a viabilidade da froita (coma a Monilia nas cereixas). O persoal da EFA destaca que, ademais, haberá maior risco naquelas zonas onde caera ou caia pedrazo ou sarabia, polo que haberá que estar pendentes.

O mesmo ocorre coas hortícolas. Ademais dos importantes danos que están a producir os caracois e as babosas, esta humidade permanente é favorable á aparición de fungos coma o mildio ou a botrite. Por este motivo, o aviso da EFA advirte de que haberá que renovar ou realizar tratamentos con funxicidas sistémicos ou penetrantes rexistrados nos diferentes cultivos cando a climatoloxía o permita.

No que lle atinxe ao buxo, as condicións climáticas non son favorables á praga da Cydalima perspectalis, que ademais está principalmente na fase de crisálida nestes momentos. Por estes motivos, as plantas están recuperando os seus brotes.

Doutra banda, o aviso da Estación Fitopatolóxica refírese tamén á camelia, e alerta neste sentido que, no actual momento de brotación, os brotes tenros poden atraer pulgóns e gurgullos, cuxa presencia conduce a unha perda de estética da planta. Salvo casos excepcionais, ou se cambia o tempo, poden eliminarse os gromos afectados pinzándoos e eliminándoos. De feito, tamén é o momento idóneo para facer as prácticas de poda ou pinzamento de brotes co fin de formar as plantas, conter o seu desenvolvemento ou favorecer novas ramas de flor.

Por último, o aviso alerta de que, no caso da avespa dos castiñeiros (Dryocosmus kuriphilus), nesta semana comezaron as soltas do seu parasitoide (Torymus sinensis) por parte da Administración autonómica. Ao igual que en anos anteriores, as soltas realizaranse por toda Galicia pero, desde este ano, o Ministerio tamén autorizou que os particulares e as asociacións as poidan facer.