Noticias

Areeiro segue a recomendar a revisión das viñas e a renovación do tratamento contra o mildio se a súa protección está próxima a finalizar ou xa rematou

O centro dependente da Deputación aconsella tamén unha exhaustiva revisión ante as condicións favorables para o desenvolvemento do black-rot


30 maio 2021
Mildio en gromo terminal

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, lanzou un novo aviso fitosanitario no que segue a recomendar a revisión das viñas fronte ao mildio, aínda que estean tratadas, así como a renovación dos tratamentos contra esta enfermidade naquelas viñas que estean próximas a concluír a protección ou que xa estean fóra dela.

O persoal técnico da EFA sinala que estas actuacións son necesarias debido, dunha banda, a que o estado fenolóxico da floración é moi sensible ao patóxeno e unha mala protección da viña neste momento pode ocasionar perdas importantes e reducir por tanto a futura colleita. E, pola outra, ás previsións meteorolóxicas previstas para os vindeiros días, que anuncian choivas e temperaturas nocturnas compatibles coa frutificación do fungo.

O aviso fitosanitario refírese tamén á necesidade de vixiar as viñas fronte ao black-rot. Neste senso, Areeiro sinala que aínda que nos predios revisados esta semana non se observaron cambios, e tampouco nas viñas abandonadas, as condicións previstas de precipitacións serán favorables á enfermidade e, ademais, a viña está nun período de máxima sensibilidade. Sinala que floración e o callado son períodos que convén manter protexidos e lembra que para un bo control do patóxeno é fundamental retirar as viñas abandonadas preto dos predios, así como tamén os tratamentos preventivos precoces na primavera, cando os brotes teñen unha lonxitude de 2-5 cm.

Doutra banda, no que se refire ao oídio, aínda que nas viñas revisadas non se atoparon síntomas do patóxeno, Areeiro advirte que a floración e a formación do froito son estados do ciclo da planta que convén protexer pola súa sensibilidade, de xeito que naquelas variedades máis sensibles convirá aplicar un tratamento se ata o momento non se fixo. E no caso da botrite, sinala que malia que as reducidas precipitacións e as temperaturas para os próximos días non favorecerán a priori a instalación do fungo, de haber pampos secos deben ser retirados.

Por último, Areeiro sinala que, no que atinxe a outros parasitos da viña, incrementouse o número de glomérulos de Lobesia esta semana, pero normalmente esta primeira xeración non require tratamentos.