Noticias

Areeiro recomenda seguir pendente do avance dos fungos do mildio e do oídio nas viñas ante as previsións meteorolóxicas

O centro da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso fitosanitario no que tamén advertiu dun aumento dos danos na pataca por mildio, escaravello e pulguiña


25 xuño 2020
Aviso fitosanitario

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que sinala que as altas temperaturas destes días e o tempo soleado favoreceron ao crecemento das viñas, de feito nas máis adiantadas xa están os grans tocándose na maioría de acios. Ademais, en canto ao mildio, segue advertindo que as previsións meteorolóxicas apuntan ao mantemento de condicións favorables ás infeccións e recomendan as revisións exhaustivas e continuas das viñas para comprobar a evolución da enfermidade, dar os tratamentos necesarios e nunca descoidar as prácticas que facilitan a ventilación dos acios.

En canto ao oídio, sinala que as condicións típicas desta época son favorables a súa aparición, con temperaturas nocturnas moi elevadas. Neste senso, recoméndase permanecer moi alerta para poder reaccionar a tempo, xa que nalgunhas viñas xa hai acios que presentan algún rachado. O aviso fitosanitario advirte tamén da aparición de black-rot nalgunhas viñas que non foron tratadas e informa de que a humidade que se vai manter nos próximos días tamén favorecerá á botrite.

 

No que respecta aos cítricos, Areeiro sinala que observáronse abundantes colonias de pulgón nos gromos máis novos e recomenda seguir alerta. Tamén esta semana observouse que nos gromos novos de moitas destas plantas incrementouse a presenza de ovos de psila africana. En canto á pataca, ao igual que na viña, está afectando o mildio, polo que recomendan manter as plantas protexidas, e sinalan que tamén hai plantas afectadas polo escaravello e pulguiña da pataca. Por último, a Estación Fitopatolóxica Areeiro informa no seu avisto fitosanitario do incremento da presenza e do tamaño das eirugas nas plantas dos buxos.

Fotos