Noticias

Areeiro recomenda realizar un tratamento preventivo contra o mildio nas viñas

O centro da Deputación lanzou un novo aviso fitosanitario no que alerta da necesidade de adoptar medidas contra esta enfermidade debido ás condicións meteorolóxicas


12 abril 2021
As primeiras manchas soen observarse na base do gromo

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda a aplicación dun tratamento preventivo nas viñas contra o mildio, ante as condicións meteorolóxicas previstas para as vindeiras xornadas.

O persoal técnico do centro incidiu en que aínda que as temperaturas das dúas últimas noites non foron compatibles co mildio, e a pesar de non ter atopado ningunha mancha nas viñas nas que se están a realizar revisións, é recomendable realizar un tratamento preventivo fronte a esta enfermidade. A previsión da maioría das axencias meteorolóxicas contempla a posibilidade de que as choivas previstas a partir deste martes se estendan durante algúns días, o que podería favorecer o desenvolvemento da citada patoloxía.