Noticias

Areeiro recomenda podas en verde e rozas para evitar os síntomas do mildio nas viñas con exceso de vexetación

O persoal da EFA recomenda retirar os froitos afectados por monilia e botrite tanto nas árbores coma no solo


02 agosto 2019
Aviso Fitosanitario

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de publicar un novo aviso fitosanitario no que recomenda, no caso de viñas cun desenvolvemento excesivo de vexetación (xa sexa das propias plantas ou de malas herbas), facer podas en verde e rozas para evitar o mildio, xa que as condicións meteorolóxicas da vindeira semana (as axencias falan de nubes e claros ata o luns, con inestabilidade para o resto da semana e precipitacións máis elevadas cara ao final) favorecen a retención de humidade e a aparición dos síntomas.

O persoal técnico da EFA observou desde ausencia de novos síntomas a outras leiras con abundantes manchas novas nos gromos tenros e avance nos antigos, coincidindo coas viñas que tiveron problemas nas campañas. No caso dos acios, non hai novos danos, xa que a uva é menos sensible ao achegarse o pintado. Con respecto ás choivas pasadas, o modo de proceder será diferente: nas viñas que tiveran problemas de mildio na campaña e onde se puideran lavar os produtos de contacto aplicados xusto antes das choivas que se iniciaron o 25, haberá que renovalos para manter protexida a vexetación e os acios antes das choivas máis abundantes. Pola contra, nas viñas protexidas por un tratamento anterior situadas nunha zona na que caeran escasas precipitacións, que non tiveran problemas de mildio e onde a folla estea sa ou con poucas manchas, pode non aplicarse este tratamento, e ata pode ser que ningún máis antes da vendima, pero dependerá da evolución da meteoroloxía e da maduración da uva.

En canto ao oídio, a situación repítese respecto á semana anterior: na maioría de viñas hai algún gran ou acio con oídio, cos rebuscos sans ou case limpos, novos síntomas en follas tenras en parcelas que non recibiron tratamentos desde hai semanas e, nas leiras nas que non se lograron frear as infeccións previas, síntomas recentes en folla e acios. Nestas últimas, o persoal de Areeiro recomenda renovar as intervencións canto antes, agás se foron tratadas recentemente e as choivas aínda non lavaron os produtos. No resto de viñas, polo de agora abondará con podas en verde para retirar os gromos afectados e favorecer unha adecuada ventilación na contorna dos acios, á espera do tipo de precipitacións. En función delas, podería ser conveniente facer algunha outra intervención.

Tampouco se observaron síntomas de botrite, xa que as condicións non foron favorables e as uvas están en bo estado. Haberá que esperar tamén ás precipitacións, porque nas viñas onde as uvas están danadas (especialmente as de variedades sensibles) pode haber problemas. Nas que rexistran danos por botrite todos os anos sería conveniente aplicar tratamentos preventivos ao inicio do pintado. Do que non se esperan danos é do black rot, cun risco reducido e síntomas sen avance.

En canto ás couzas do acio, son necesarias as trampas e os recontos de ovos e penetracións para coñecer o momento oportuno do tratamento, en caso de que haxa que dalo, porque os resultados son elevados. No que ten que ver co mosquito verde e cicadélidos, víronse voando algúns exemplares, pero non houbo danos salientables. Os danos atribuíbles a eles serán, na maioría de casos, por déficits hídricos, carencias nutricionais ou pola acidez do solo. No caso dos ácaros, vólvese confirmar a presenza de acariose, agora na zona de Poio.

Nas froiteiras en xeral a inestabilidade favorece a aparición dos fungos responsables da monilia e botrite. Débense eliminar os froitos maduros afectados nas árbores e no solo porque se non a enfermidade seguirá aparecendo. En concreto, nas maceiras apareceron novos síntomas de apincarado por mor da humidade e as temperaturas elevadas. Débese vixiar e volver tratar se aparecen novos síntomas porque o risco permanece até o final da campaña. No caso das couzas da mazá, case non hai capturas, pero a situación pode variar e cómpre facer seguimentos colocando trampas para capturar as eirugas que se retiran a hibernar. Nas cerdeiras a elevada humidade tradúcese en incidencia de Cylindrosporium padi, que pode provocar defoliación prematura. Débense renovar periodicamente os tratamentos e intervir con funxicidas autorizados.

Por último, o aviso fitosanitario fai mención ao buxo, onde non se evidenciaron grandes avances de Cydalima perspectalis, pero o persoal de Areeiro volveu ver casos de plantas nas que xa se fixeran tratamentos e coas eirugas vivas. Por iso, débese manter a recomendación da vixilancia periódica das plantas e intervir se non se evidencia o control das eirugas.