Noticias

A Estación Fitopatolóxica Areeiro recomenda a aplicación de tratamentos con compostos de cobre nas plantas leñosas e advirte sobre a procesionaria e a bolboreta do buxo

O centro dependente da Deputación de Pontevedra advirte que a procesionaria pode causar reaccións alérxicas e inflamatorias nas persoas e os animais domésticos e suxire extremar as precaucións


04 febreiro 2020
bolboreta do buxo

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de emitir unha serie de recomendacións para as persoas que traballan na agricultura tras o cambio da situación climática nestes últimos días, sen choivas e con temperaturas altas, despois de semanas de precipitacións continuas.

A responsable dos avisos fitosanitarios, Rosa Pérez Otero, destaca que é un bo momento para aplicar tratamentos de outono-inverno con compostos de cobre nas plantas leñosas, e recomenda polo menos realizar unha aplicación. No caso de facelo, as agricultoras e agricultores deben lembrar que a Unión Europea restrinxiu o uso de produtos fitosanitarios que conteñan compostos de cobre a unha taxa de aplicación máxima de 4 quilogramos/hectárea/ano, polo que deben procurar calcular ben as doses e o volume de caldo. No caso de aplicalos sobre os cítricos, cómpre recoller antes toda a froita que poidan necesitar e respectar o prazo de seguridade do produto fitosanitario empregado.

Por outra banda, no caso de que non fixesen aínda as podas, a técnica de Areeiro lémbralles ás persoas que traballan na agricultura a conveniencia de adoptar as boas prácticas que recomenda sempre a Estación: desinfectar as tesoiras de poda; podar en tempo seco e sen vento; procurar sanear as plantas eliminando as ramas afectadas por alteracións da madeira ata alcanzar unha zona limpa e sa; e retirar, queimar ou destruír os restos da poda, sobre todo os de maior diámetro.

O aviso tamén indica que no laboratorio da EFA e nalgunhas sebes de zonas cálidas xa se observaron as primeiras eirugas da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis), que están saíndo da hibernación. Aínda que, de momento, sucede de xeito moi puntual no exterior, a técnica sinala que é de esperar que coas temperaturas destes días empecen a observarse os primeiros síntomas nas plantas.

Procesionaria

No caso dos piñeiros e dos cedros, Rosa Pérez advirte da aparición da procesionaria debido á calor e o sol destes días, e sinala que é de esperar que empecen a verse de xeito máis frecuente as características procesións de enterramento destes exemplares. As eirugas que conforman as procesións teñen pelos urticantes que poden producir reaccións alérxicas e inflamatorias non só nas persoas, senón tamén nos animais domésticos, polo que é recomendable afastarse das masas de especies sensibles, non pasear coas mascotas nesas áreas e, no caso de observar as procesións, non achegarse a elas nin manipular as eirugas.