Noticias

Areeiro insta a realizar un seguimento intensivo das viñas e renovar tratamentos respecto ao oídio

O persoal da EFA sinala que nos vindeiros días será preciso eliminar ácaros das maceiras, a froita sobremadura para evitar fungos e restos de colleita e pragas.


19 xullo 2019
Aviso Fitosanitario

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro vén de publicar o seu último aviso fitosanitario, no que indica que é preciso facer un seguimento intensivo das viñas e renovar tratamentos puntuais respecto ao oídio. O persoal da EFA sinala que nos vindeiros días si será necesario eliminar ácaros das maceiras, a froita sobremadura para evitar fungos e restos de colleitas e pragas en plantas de horta. Amais, tamén alerta a Estación da necesidade de continuar co tratamento contra as eirugas do buxo e da aparición dos primeiros adultos de procesionaria dos piñeiros.

En canto á viña a situación esta semana foi bastante favorable canto ao mildio. Na maioría das viñas non se atoparon novos síntomas pero nalgunhas atopáronse manchas illadas nalgunha folla. Noutras fincas atopáronse abundancia de manchas novas nas follas máis tenras, pero síntomas perfectamente controlados nos acios. Aínda que o risco de danos ás uvas non é xa tan elevado como noutros períodos, hai que ter en conta que hai mildio en período de incubación polas condicións ambientais pasadas e hai que continuar mantendo un alto nivel de vixilancia, moi especialmente naquelas viñas que xa presentan danos.

Respecto ao oídio, nas parcelas co peche do acio xa practicamente xeneralizado o risco será, a partir de agora, relativamente baixo ata que a uva empece a cambiar de cor; naquelas onde aínda hai síntomas evidentes, seguirá a ser moderado ou alto. Especialmente nestas últimas, aparte de renovar os tratamentos para evitar que o fungo bloquee o crecemento da pel das uvas e produza a súa rotura, será preciso facer tamén aquelas labores culturais que favorezan a aireación e a iluminación dos acios, sobre todo naquelas viñas que teñan un exceso de vigor. Entre estas labores están as podas en verde, a eliminación dos gromos chupóns con rebuscos (moi sensibles ao oídio e fonte de novas contaminacións) e as esfollas. Pero atención: estas deben ser lixeiras e estar centradas nunha das caras do acio, concretamente na oposta á radiación solar, porque unha esfolla excesiva ou en caras incorrectas pode traer problemas de maduración ou de golpes de sol.

En canto ao mosquito verde e outros cicadélicos as capturas de adultos nas trampas mantivéronse estables.  na revisión desta semana vimos a primeira ninfa de Scaphoideus titanus nunha viña de Goián. Curiosamente, na comarca do Rosal unicamente viramos o insecto no ano 2009 e máis no 2017, sendo na do Condado onde soemos ter o cicadélido os anos nos que aparece. A detección desta ninfa obriga a incrementar a vixilancia por se aparecen novos exemplares e tamén a analizar a potencial presenza da enfermidade.

Tamén se notou un lixeiro incremento na presenza de síntomas de erinose de verán, que son especialmente notorios nalgunhas viñas, aínda que afectan a plantas illadas. Canto á acariose, non observamos cambios nas plantas abandonadas da finca de Bueu onde toparamos o ácaro recentemente.  Nalgunhas viñas empezan a ser visibles plantas con síntomas de alteracións da madeira e tamén os primeiros acios con golpe de sol.

Maceira

O risco de infección por moteado nas maceiras despois destes días é baixo, aínda que haberá que seguir coa vixilancia e manter a protección ás plantas. En canto á couza da mazá detectáronse esporadicamente algunha penetración na froita polo que se recomenda manter a vixilancia. É preciso eliminar tamén ácaros.

Diversas plantas froiteiras

Moitas plantas de óso teñen froita en fase de maduración pero tamén froita sobremadura ou con danos e fungos aínda na árbore. Esta froita, así como a que está no solo, ten que ser retirada para evitar que a que está en maduración poida verse afectada polas moscas da froita.

Diversas plantas de horta

Nos cultivos que se están levantando pola colleita, lémbrase que é fundamental eliminar todos os restos de colleita e pragas, pois coa súa eliminación redúcese o nivel dos parasitos para a campaña seguinte.

Buxo

Nesta semana ao igual que na anterior, topáronse prantas nas que aínda facendo o tratamento recomendado nons e logrou frear o avance da Cydalima perspectalis. Algunhas sebes moi próximas presentaban situación extremas o que fai fundamental comprobar ou verificar cada caso concreto.  Os tratamentos fronte a estas eirugas deben ser aplicados con elevada presión e mollando moi ben todas as caras das follas e o conxunto da planta.

Piñeiro

Nesta semana recolléronse os primeiros adultos de procesionaria dos piñeiros nas trampas que a Estación Fitopafolóxica do Areeiro ten instaladas.