Noticias

Areeiro detecta as primeiras manchas de mildio nas viñas e aconsella realizar os tratamentos canto antes

O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica Areeiro sinala que é bo momento para instalar trampas para as couzas do acio e da mazá e para as moscas das cerdeiras


12 abril 2017
Viñas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de anunciar no seu último aviso fitosanitario a detección das primeiras manchas de mildio tanto en leiras privadas como nas viñas propias de seguimento en diferentes puntos da provincia. O persoal técnico aconsella realizar os tratamentos canto antes, sobre todo se non é posible revisar o viñedo, xa que de cara á primeiros da próxima semana anúncianse precipitacións que poden agravar a situación.

Desde a EFA constataron a aparición das primeiras manchas de mildio nunha viña do concello de Cambados no día de onte. Na xornada de hoxe os síntomas foron detectados nas leiras de seguimento de Barrantes e noutra na viña de Areeiro (na base dunha vara de aproximadamente 60 cm de longo). As manchas xurdiron, segundo explican as e os técnicos, debido a que nos últimos días véñense recollendo temperaturas medias do orde de 10-12 graos e xunto a humidade foliar.

En canto ao tratamento, se non se fan as convenientes revisións ao viñedo, é recomendable aplicalo canto máis pronto e canto máis receptiva sexa a viña, é dicir, canto mais longos teña os gromos. Por outra banda, a técnica Rosa Pérez indica que é fundamental controlar a vexetación adventicia da viña, xa que a aireación é fundamental, e tamén lembrar que o volume de caldo que hai que empregar no tratamento debe ser baixo para non perder eficacia na intervención.

Seguindo coas afeccións da viña, a EFA tamén sinala que xa é bo momento para instalar as trampas de feromonas para o seguimento das poboacións de couzas do acio, polo menos nas parcelas máis adiantadas. Ocorre o mesmo coas maceiras, xa que tamén se apunta que nas  parcelas onde a maioría das plantas están xa en floración ou iniciando o desenvolvemento do froito, é preceptivo colocar as trampas para as couzas da mazá (Cydia pomonella).

Así mesmo, tamén é preciso instalar trampas para as diferentes moscas que afectan ás cerdeiras: nestes momentos de finalización da floración e de comezo da fase de crecemento dos froitos, as larvas de Drosophila suzukii poden danar as cereixas (ademais doutros froitos como a uva, o kiwi, o pexego, a fresa etc.) ao alimentarse da súa polpa e favorecer a entrada de diferentes podremias. "As trampas pódense construír de xeito sinxelo con botellas de plástico (serven as de auga de 1,5 ou 2 litros) nas que se farán buracos de aproximadamente medio centímetro na parte superior e onde se verterá vinagre de mazá preferiblemente (servirían outros atraentes alimenticios). Hai que ter en conta que non son trampas específicas, polo que capturarán máis especies de insectos", asegura Pérez.

Tamén se poden instalar xa as trampas amarelas coa feromona da mosca da cereixa, que algúns anos provoca perdas na froita.

Pataca e carballo

Sobre a pataca, desde a EFA sinálase que en caso de que se produzan as precipitacións que se prevén a partir do martes, será necesario prestar moita atención á aparición do mildio, igual que na viña, ou ben aplicar un tratamento preventivo antes de que se produzan as chuvias.

Por outra banda, hai que falar novamente da presenza de eirugas de Operophtera brumata que están a aparecer en diferentes carballeiras da provincia, do mesmo xeito que ocorreu no mes de abril dos dous últimos anos. Nalgúns casos aínda se detectan de xeito puntual pero noutros xa están causando serias defoliacións, mesmo para xa observar algunhas árbores sen follas. Para protexer estas árbores, e no caso en que a altura e porte dos mesmos o permita, recoméndase unha aplicación insecticida con aceite de parafina.


Novas relacionadas

Imagen representativa de una noticia de colectivos o temas

27 mai 2016, estación fitopatológica areeiro, estación fitopatolóxica areeiro, mildeu, mildiu