Noticias

A Estación Fitopatolóxica Areeiro destaca que o bo tempo acelerou a maduración da uva albariña

O persoal técnico da Estación recoméndalles ás persoas viticultoras facilitar a ventilación dos acios para previr a botrite


23 agosto 2019
Uva albariña

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar o último aviso fitosanitario semanal da actual campaña debido á proximidade da vendima e da colleita doutras froitas, no que notifica que as boas temperaturas desta semana aceleraron a maduración da uva albariña nas parcelas de seguimento habituais (practicamente todas as uvas están xa brillantes), feito constatado no laboratorio da entidade.

En canto ás principais enfermidades da viña, no caso do mildio incrementáronse as manchas recentes debido ás condicións rexistradas (as chuvias do día 18) e á non realización de tratamentos cúpricos desde hai tempo. Con todo, desde a EFA sinalan que as temperaturas tan elevadas destes días provocarán, nalgunha zona, unha perda da capacidade de xerminar das frutificacións do fungo. Por outra banda, nas zonas altas dalgunhas viñas en emparrado onde non chegaban os tratamentos, o persoal técnico observou xa unha defoliación sen incidencia sobre a produción, porque hai vexetación suficiente este ano. O persoal da Estación recomenda que tanto nesas viñas coma naquelas outras onde vaian aparecendo manchas de xeito significativo, así coma nas que sufrisen ataques mal controlados da enfermidade nalgún momento da campaña, se realice un tratamento cúprico despois da vendima e antes da caída das follas para favorecer o bo agostado da madeira e reducir tamén o nivel de inóculo do fungo de cara á seguinte campaña.

No que se refire ao oídio, a situación observada polo persoal da EFA nas parcelas visitadas reflicte novos síntomas en folla nos acios dalgunhas viñas, aínda que non é a situación dominante.

Por outra banda, a EFA destacou que as e os viticultores eliminaran os acios máis afectados pola enfermidade da botrite en varias parcelas. Esta práctica, unida ao clima dos últimos días, fixo que en xeral se observase un bo estado das uvas, tanto de albariño coma doutras variedades máis sensibles a este patóxeno. Non obstante, aínda queda tempo para a vendima e, debido a que a día de hoxe non hai coincidencia nas predicións meteorolóxicas das axencias consultadas (algunhas anuncian tempo seco e outras dan precipitacións entre o domingo 25 e o 4 de setembro), poden producirse novas infeccións. Por este motivo, a EFA subliña a importancia das operacións destinadas a mellorar o microclima arredor dos acios, que deben estar aireados, aínda que convén realizalas moderadamente, xa que nalgunhas parcelas se observan acios con danos por exceso de insolación.

No que se corresponde coas couzas do acio, nas viñas da rede de seguimento apenas se observou algunha penetración moi illada de couza (nas trampas non se capturou ningún adulto), aínda que algún persoal técnico informou de danos significativos en certas viñas que superaban incluso o limiar de tratamento. Este limiar ten que ver coa influencia das perforacións das eirugas sobre a podremia, polo que, a estas alturas da campaña, as opcións que propón a Estación son retirar os grans ou acios afectados (se é posible, por ser unha superficie pequena) ou ben aplicar un produto cun prazo de seguridade de 7 días ou sen ningún prazo (substancias naturais), tendo en conta que estes insecticidas non penetran no interior das uvas, polo que o control será parcial.

Esta semana tampouco houbo capturas de ningún exemplar adulto de Scaphoideus titanus (o vector da enfermidade da flavescencia dourada) pero a EFA manterá a rede de trampeo instalada para realizar algunha revisión máis ata o outono. E, en canto ao resto de cicadélidos, apenas se viu algún adulto de mosquito verde, e houbo novas capturas en poucas trampas. Neste sentido, a Estación destaca que, en xeral, non houbo grandes poboacións nesta campaña, polo menos nas parcelas de seguimento.

No caso dos ácaros, esta semana atopáronse síntomas de acariose nunha planta abandonada na zona de Bueu que, ademais, estaba infectada con ovos de araña vermella, e tamén se observou máis presencia de erinose de verán nas fincas onde xa se detectara o ácaro.

Por outra banda, a EFA resaltou que, ademais dos acios con golpes de sol, das plantas con síntomas de enfermidades da madeira ou dos crecentes danos por vespas ou paxaros nas uvas, esta semana detectaron unha viña con podremias secundarias (non botrite) asociadas probablemente a picaduras de dípteros, e sinalou que os síntomas de tisanópteros (trips) son cada vez máis frecuentes, especialmente na comarca do Salnés e na IXP Ribeiras do Morrazo, polo que tamén estará pendente destes insectos a partir desta campaña.

En canto á maceira, esta semana a EFA non observou nova sintomatoloxía de pintado, aínda que sinala que en períodos húmidos e cálidos que poidan vir aínda poderá haber infeccións, especialmente en plantas de variedades sensibles. Dado que a colleita de boa parte das variedades está en curso ou achegándose, hai que garantir a aireación das plantas en lugar de aplicar tratamentos químicos, e recoméndase retirar e destruír os froitos moi afectados nas plantacións de pequeno tamaño. Nestas variedades tamén se aconsella aplicar un tratamento cun funxicida cúprico despois da colleita para reducir o potencial de enfermidade cara á seguinte campaña.

Tampouco houbo capturas de couzas do acio nas trampas da rede de seguimento esta semana, pero recoméndase manter a vixilancia antes da colleita. Tamén lles suxiren ás persoas agricultoras que non esquezan retirar as bandas-trampa de cartón ondulado que se instalaron para a captura das eirugas hibernantes.

Por último, no que se refire ao buxo, nas revisións non se observaron danos destacables por Cydalima perspectalis. Non obstante, esta semana a EFA detectou varias eirugas nos últimos estados (crisálidas), pero tamén un adulto e a primeira posta da nova xeración, polo que indica que este ano haberá que manter a vixilancia un mes máis.