Noticias

Areeiro continúa a alertar sobre os patóxenos favorecidos pola humidade en froiteiras e plantas hortícolas

O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanza un novo aviso fitosanitario referido a kiwis, maceiras, marmeleiros, froiteiras de óso, cítricos, plantas de horta, buxos e camelias


23 abril 2020
Ninfas

Despois das recomendacións desta semana sobre as viñas, a Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, lanzou hoxe un novo aviso fitosanitario relativo a diferentes froiteiras e plantas hortícolas. Principalmente, os avisos e as recomendacións da institución provincial afectan a kiwis, maceiras, marmeleiros, froiteiras de óso, cítricos, plantas de horta, buxos e camelias.

No que respecta ao kiwi, as precipitacións e as temperaturas máximas máis baixas que se rexistrarán estes días continuarán a xerar condicións favorables ás bacterioses, polo que haberá que continuar coas aplicacións de cobre ou Bacillus subtilis. Pola súa banda, no caso da maceira, as condicións meteorolóxicas previstas tamén favorecen o patóxeno causante do xaspeado, polo que cómpre facer revisións periódicas na procura de síntomas.

O aviso da EFA refírese tamén nesta ocasión ao marmeleiro, no que se comezaron a observar claramente os síntomas da Entomosporium macculatum. De non controlala, esta patoloxía pode provocar unha defoliación prematura das árbores que dificulta a maduración dos marmelos. De momento non se se observaron danos en ningún dos casos, pero desde Areeiro suxiren permanecer alerta ante a proximidade dun novo período de choivas.

En canto ás froiteiras de óso, apreciouse a aparición en árbores de diferentes predios dalgunhas enfermidades fúnxicas pola presenza de varios patóxenos. Dado que está previsto que volvan as choivas, é de esperar que estes patóxenos continúen avanzando, polo que o persoal técnico da EFA sinala que é conveniente tratar con funxicidas que non se laven coa choiva no caso de que xa haxa danos de gravidade.

No que lle atinxe aos cítricos, que nesta época están en brotación, favorecida pola climatoloxía actual, desde a Estación Fitopatolóxica apuntan que os brotes tenros favorecen a aparición de insectos chupadores coma o psílido africano dos cítricos (Trioza erytreae), as moscas brancas, os pulgóns ou as cochinillas. Neste sentido, o aviso da EFA sinala que, se a presenza de gromos afectados é aínda escasa, situación máis frecuente nestes momentos, unha boa medida de contención é ir eliminándoos e destruíndoos. Tamén aconsella a instalación de trampas engomadas amarelas nos bordos das zonas onde hai cítricos, xa que contribúe a reducir os adultos que poden chegar a eles.

A citada climatoloxía está a provocar danos importantes nalgunhas plantas de horta, desde todo tipo de verduras ata cebolas, pementos ou patacas, provocados por caracois e babosas. Nestes casos, ademais dos remedios naturais e mecánicos que se poidan estar adoptando, o persoal de Areeiro lembra que está xustificado o uso dalgún produto baseado nunha das dúas únicas materias activas autorizadas fronte a estes animais: o fosfato férrico ou o metaldehido. Ademais, recomenda non esquecer o mantemento da protección das plantas fronte aos diversos fungos que lles poden afectar para evitar os danos á colleita que se poidan producir debido ás precipitacións desta primavera.

As e os técnicos tamén suxiren non descoidar a vixilancia da Cydalima perspectalis ou buxo, porque as eirugas desta especie fan niños nos que se agochan. Nos predios visitados esta semana observouse unha nova sebe moi sombría, onde aínda quedaban eirugas alimentándose e causando danos, cando o máis habitual nas plantas controladas é a presenza de crisálidas.

Por último, o aviso da EFA refírese á camelia. O persoal da Estación detectou a presenza cada vez máis notoria de brotes e sinala que nesta época se debe eliminar o ápice e as últimas follas das plantas para controlar o seu desenvolvemento. Con esta práctica elimínase tamén parte das follas onde se están a situar as colonias dos pulgóns. Porén, se son demasiados brotes os afectados, non será suficiente con esta operación. Neste caso, o aviso da EFA apunta que pode ser preciso aplicar un tratamento para evitar danos.

Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado pola COVID-19 a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outros predios visitados e os datos aportados por persoal técnico e viticultor.