Noticias

O aviso da EFA constata unha freada no avance do mildio, aínda que segue a aconsellar a máxima vixilancia das viñas

O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso fitosanitario no que tamén alerta sobre o desenvolvemento da enfermidade do ‘black rot' e recomenda aplicar tratamentos


07 maio 2020
Viña con manchas de black rot

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro da Deputación de Pontevedra, publicou un novo aviso fitosanitario no que constata que na última semana, cos tratamentos aplicados nas viñas polas persoas viticultoras, freouse o avance do mildio. Na revisión das viñas do seu percorrido o persoal da EFA comprobou que tralas aplicacións realizadas a situación maioritaria é que non había manchas novas; que as detectadas anteriormente estaban secas e sen frutificación, sen zonas de avance ou ambas cousas e que, nos casos nos que había algún acio afectado, os síntomas non avanzaron. Aínda así, as previsións meteorolóxicas dos próximos días anuncian que continuará a inestabilidade atmosférica e, a pesar de que o risco é menor que nas últimas semanas porque se anuncia unha baixada das temperaturas mínimas, este segue a ser alto, polo que o aviso fitosanitario insiste en que a vixilancia das viñas debe ser máxima co fin de renovar os tratamentos se hai síntomas novos ou frutificación ou zonas de avance nos antigos.

O persoal especialista da Estación apuntou tamén que noutras viñas, aínda que en poucas, se observaron follas con manchas de aceite novas e mesmo algún acio con frutificación viable. Dáse a circunstancia de que nalgúns casos esta situación afectaba só unha parte do predio onde, aparentemente, non se daban as condicións máis favorables á enfermidade, polo que estes casos se puideron deber a unha inadecuada aplicación do funxicida, ben pola aparición de vento mentres se facía ou ben porque choveu antes de que os produtos penetrasen nas plantas. De aí que se aconselle seguir controlando as viñas.

O aviso refírese tamén a outras enfermidades das viñas, coma o black rot, que segundo o persoal da EFA foi a patoloxía que máis avanzou en canto á presenza de síntomas nas viñas visitadas esta semana. Desta mesma circunstancia informaron outro persoal técnico e persoas viticultoras. Nos predios revisados pola EFA constatouse que o número de follas afectadas por planta foi superior ao observado ata agora en calquera campaña anterior; nalgunha viña mesmo había síntomas no 30 % das follas. Hai que lembrar que os síntomas nas follas son manchas de cor pardo-avermellada de forma circular ou lixeiramente poligonal e bordeadas cunha liña marrón. As manchas obsérvanse sobre as dúas caras da folla e uns días despois de apareceren presentan uns puntiños negros que adoitan formar círculos e que corresponden á frutificación do fungo.

Dado que se prevén precipitacións nos próximos días, desde a EFA sinalan a necesidade de vixiar as viñas, porque os síntomas nas follas non adoitan revestir gravidade pero son unha fonte de contaminación para as inflorescencias e os futuros froitos. O aviso fitosanitario apunta que convén aplicar un tratamento se se observa unha elevada densidade de manchas nas viñas. Entre os produtos autorizados para o control desta enfermidade están algúns antimildio e outros antioídio, polo que, con esta potencial aplicación, actuarían igualmente fronte a estas outras patoloxías.

No caso do oídio, as técnicas e técnicos da EFA seguen sen observar evidencias desta patoloxía en ningunha das viñas visitadas, pero constataron que algunhas delas non recibiron tratamento algún e, aínda que as condicións climatolóxicas non favorecen o fungo, aconsellan tamén manter a vixilancia.

Doutra banda, nas viñas visitadas tampouco se detectaron síntomas da botrite, pero os ventos moderados ou fortes que se rexistraron nos pasados días romperon varios pampos e mesmo afectaron tamén parte da madeira en varias viñas novas. Como entre as condicións preferidas polo fungo para as contaminacións, ademais da temperatura e das chuvias, está precisamente a presenza de feridas ou lesións, o aviso destaca que é preciso incrementar a vixilancia.

Nesta semana o persoal da EFA observou tamén un novo incremento de erinose nalgunhas viñas e referiuse tamén á xeral presencia de caracois e babosas neste inicio de campaña, non só na viña, senón tamén nas plantas de horta. Desde a EFA afirman que no caso das vides adultas xa non hai que esperar danos debido ao bo desenvolvemento da vexetación a estas alturas, pero advirte que hai que vixiar a evolución dos posibles síntomas en plantas novas, máis próximas ao solo e polo tanto máis accesibles.

O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades noutras árbores. Así, no caso da maceira, esta semana o persoal da EFA detectou un maior número de follas afectadas polo xaspeado naquelas árbores nas que xa constatara a enfermidade, así como novas manchas noutras plantas. Como as choivas reducen o período de protección dos tratamentos, o persoal técnico recomenda que se renove a protección nas variedades máis sensibles se non se fixo nestes últimos días.

Respecto da couza da mazá, as e os técnicos da EFA están a ter as primeiras capturas nas trampas que teñen instaladas nun momento no que aínda non todas as variedades completaron a floración (outras xa teñen froita en desenvolvemento). En calquera caso, lembran que esta praga pode afectar de xeito diferente mesmo a predios próximos, polo que apuntan que a instalación de trampas é un bo método para coñecer a situación concreta e optimizar os tratamentos cando se superen os limiares establecidos.

Por último, no que lle atinxe ao buxo, atopáronse varios síntomas novos da Cydalima perspectalis, con eirugas ben desenvolvidas que probablemente saíron máis tarde da hibernación, o que, segundo o persoal da Estación Fitopatolóxica, obriga a non descoidar a vixilancia. Doutra banda, nas trampas instaladas non se recolleron aínda adultos, pero si naceron varios exemplares na poboación que a EFA mantén no seu laboratorio.

Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado pola COVID-19 a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outros predios visitados e os datos aportados por persoal técnico e viticultor. As e os técnicos da Estación destacan que, aínda así, convén confirmar a situación particular de cada predio, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.