Noticias

Areeiro advirte da posibilidade de iniciar o tratamento contra a excoriose nos viñedos con brotes de folla

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica dependente da Deputación sinalan que aínda hai que agardar para comezar a loita contra o mildiu


29 mar 2016

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar un novo aviso fitosanitario no que alerta da detección de excoriose e de maduración da forma de conservación do fungo do mildiu nos viñedos da comarca. Os técnicos sinalan que, se ben é posible iniciar os tratamentos para a primeira patoloxía, se debe agardar para iniciar a loita contra o mildiu. 

A técnica Rosa Pérez explica que o tratamento fronte á excoriose é o único que, con carácter xeral, se recomenda ao inicio de campaña, aínda que sinala que é arredor do estado fenolóxico D (coa saída das follas incipientes) cando resulta máis eficaz. Neste sentido, e debido á irregularidade no agromado incluso dentro do mesmo terreo, advírtese que a intervención "debe realizarse cando alomenos haxa un 50 % de brotes en emerxencia de folla" na viña

En canto ao mildiu, onte verificouse a maduración da oóspora (forma de conservación invernal do fungo) nos viñedos das comarcas da provincia de Pontevedra que se utilizan por parte de Areeiro para a detección de patóxenos. Pérez subliña que "este momento significa que se iniciou o ciclo, que é o punto de partida dun novo ciclo", pero "non supón que haxa que iniciar xa os tratamentos". De feito, destaca que se están a detectar "importantes diferencias de brotación entre zonas e parcelas ou incluso plantas da mesma parcela", pero que na maior parte dos casos os terreos presentan só un agromado incipiente que non é suficiente para iniciar as intervencións.