Noticias

Areeiro advirte da necesidade de comprobar a presenza de mosquito verde na viña antes de iniciar tratamentos

Os técnicos da EFA están a constatar que se están aplicando tratamentos contra teóricos ataques de mosquito verde que en realidade son síntomas de estrés hídrico


08 ago 2016

As condicións metereolóxicas de altas temperaturas das últimas semanas, e especialmente as da pasada fin de semana, non facilitan o avance das pragas nas viñas, nin de parásitos nin de fungos. Así o manifestan os técnicos da EFA de Areeiro ao tempo que advirten que están a constatar que nalgúns casos se están producindo confusións entre os danos producidos polo mosquito verde e os síntomas  de estrés hídrico. O estrés hídrico, explican desde a EFA, responde a unha seca da terra do viñedo que se produce especialmente en solos pouco profundos, en solos areosos, e tamén en solos con excesiva vexetación espontánea. 

Areeiro advirte que antes de dar tratamento contra esta praga é importante comprobar que realmente a viña está sufrindo ataques por parte deste parásito. Para constatar a presenza real de mosquito verde, os técnicos recomendan a instalación de trampas amarelas. 

En canto ao resto de enfermidades e pragas que habitualmente afectan á viña, o aviso fitosanitario desta semana constata que as altas temperaturas non facilitan a súa propagación. En todo caso, as precipitacións rexistradas no xoves da semana pasada, de escasa contía, e a situación xeral da viña neste período, non dan pé a pensar que poidan darse infeccións significativas. Tan só recomendan continuar a vixilancia por se se produciran casos puntuais.