Noticias

A EFA aconsella renovar a protección das viñas con funxicidas ante o desenvolvemento do mildio

O centro dependente da Deputación de Pontevedra recoméndalles ás persoas viticultoras que nas xornadas seguintes ao tratamento vixíen as viñas se a aplicación se fixo con algo de vento ou con humidade nas follas


29 abril 2020
Acio con mildiu

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro da Deputación de Pontevedra, publicou un novo aviso fitosanitario no que advirte que a climatoloxía deste mes está sendo moi favorable para o desenvolvemento do mildio e pode desencadear contaminacións nas viñas de xeito continuado, feito ao que se une a limitación para facer os tratamentos nos momentos previstos debido ás precipitacións, o vento ou outros factores. Por esta razón, e ante a previsión de de temperaturas moi elevadas e de novas precipitacións, as cales reducen o período de protección teórico dos produtos empregados, desde a Estación recomendan renovar a protección das viñas (salvo a aquelas persoas viticultoras que o teñan feito na última semana) con funxicidas que, de ser posible, teñan acción preventiva, curativa e antiesporulante e, ademais, utilizar un axente mollante para mellorar a adherencia e a distribución do caldo na planta.

Ademais das viñas da rede que se están a visitar neste estado de alarma, o persoal da  EFA tamén incluíu esta semana outras atopadas no seu percorrido, nas que constatou a presenza dos síntomas do mildio (en todas as viñas había algún novo), pero diferente en canto á súa incidencia. Neste sentido, algunhas viñas apenas tiñan un par de manchas novas sen síntomas en acio, mentres que outras estaban relativamente afectadas, con plantas con varias manchas novas con frutificación, zonas de avance nos síntomas antigos e síntomas en acio. Tamén se observaron viñas abandonadas, de variedades pouco sensibles, con presenza de síntomas, o que non sucedería se as condicións non lle fosen especialmente favorables á enfermidade.

Na súa recomendación, o persoal da EFA recoméndalles ás persoas viticultoras que nas xornadas seguintes á aplicación do tratamento revisen as viñas, en especial se a fixeron con algo de vento, se había humidade nas follas ou se choveu ao pouco de finalizada. En todos os casos aconséllase extremar a vixilancia.

Doutra banda, o aviso referiuse tamén a outras enfermidades das viñas, coma o oídio, do que as e os técnicos da Estación sinalan que non se observaron síntomas nos predios visitados a pesar de non lles aplicar ningún tratamento, ou o black rot, do que tampouco se apreciaron cambios na intensidade dos síntomas. Aínda así, desde a EFA recomendan manter a vixilancia e, se se renova o tratamento fronte ao mildio e hai historial de problemas de black rot, se aplique unha materia activa con efecto tamén fronte a este outro fungo.

No que lle atinxe á botrite, o persoal da Estación Fitopatolóxica non observou síntomas desta e, ademais, as lesións nas plantas provocadas polo pedrazo de primeiros de mes ou polos ventos que hai en ocasións apareceron libres da frutificación do fungo. Neste caso aconsella igualmente manter a vixilancia debido ás previsións de humidade alta e temperaturas moderadas, que lle son favorables ao fungo.

Por último, ademais de haber capturas de couzas do acio (aínda que sen importancia), continúa a haber presenza de erinose nalgunhas viñas, pero desde a EFA destacan que a climatoloxía non resulta favorable ao desenvolvemento destes animais.

O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades propias doutros cultivos. Así, apunta que a climatoloxía tan húmida destes días pode propiciar a aparición de bacterioses no caso do kiwi e, por iso, a vixilancia nesta época de prefloración debe ser constante para manter as plantas protexidas, cando menos, naquelas parcelas onde a enfermidade estivera presente en anos anteriores.

No caso da maceira, nesta semana detectáronse as primeiras manchas de xaspeado. Por esta razón, o aviso da EFA recomenda renovar os tratamentos en canto se poida, pois a meteoroloxía prevista seguirá a ser favorable a esta enfermidade, salvo que se aplicase recentemente un funxicida sistémico ou un penetrante.

No que respecta ás froiteiras de óso, continúan a aparecer síntomas de diversos fungos patóxenos nestas árbores ou a agravarse no caso de que xa os houbese, polo que tamén se recomenda manter as plantas protexidas.

Doutra banda, no que lle atinxe ao buxo, o aviso apunta que non é momento de risco para a praga da Cydalima perspectalis, pero que aínda quedan algunhas eirugas (poucas) en plantas de zonas máis abrigadas.

O aviso da Estación Fitopatolóxica alerta, así mesmo, de que no caso de cultivos coma os de pequenos froitos, o kiwi, o amorodo, as froiteiras de óso ou a figueira, a mosca Drosophila suzukii pode danar as froitas destas plantas, polo que é conveniente ter instaladas trampas de captura para reducir a presenza de adultos e evitar que poñan ovos nas froitas nos casos nos que se estean a formar. Estas trampas poden adquirirse ou ben fabricarse con botellas de plástico (serven as de auga de 1,5 ou 2 litros) ás que se lles deben realizar orificios de ao redor de 5 mm nos laterais para verter vinagre de mazá. Estas trampas son non selectivas, polo que capturarán máis insectos.

Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado pola COVID-19 a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outros predios visitados e os datos aportados por persoal técnico e viticultor. As e os técnicos da Estación destacan que, aínda así, convén confirmar a situación particular de cada predio, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.