Noticias

Arbo recibe case 10.000 € do Plan Concellos da Deputación para o subministro de servizos municipais

O goberno provincial entregou xa o 60,3% do total destinado ao municipio dentro do Plan Concellos 2016, o que supón un investimento na vila de 213.123,51 €


23 may 2016

A Deputación de Pontevedra, mediante resolución presidencial,  vén de achegar preto de 10.000 € ao concello de Arbo ao abeiro da liña 1 –investimentos- do Plan Concellos 2016 que vén desenvolvendo a institución provincial. Esta dotación de 9.842,75 € outórgase coa finalidade de servir a varios subministros dos servizos municipais da localidade.

Esta axuda súmase a aquelas anteriormente entregadas pola Deputación dentro do Plan. Así, o municipio de Arbo recibiu máis de 100.000 € dentro da liña 1, a de investimentos, dedicados á merca dun tractor, á ampliación da rede de saneamento en Cabeiras e á mellora na rede de abastecemento en Almuíña e Coto. Ademais, na liña 2 achegáronse 11.482,38 € para gastos correntes e outros 13.256,17 € na liña 3 -actividades culturais, deportivas, musicais e medioambientais- para financiar "Divertilandia", o concurso de carteis "LVI Festa da Lamprea", o servizo de atención psicolóxica, o IV Certame de Corais Vila de Arbo, o Verán Cultural 2016, o Entroido e o Torneo de Fútbol Vila de Arbo. Na liña 4 -plans de emprego- dende o Goberno provincial investiuse un total de 75.823,20 € para a contratación de 15 traballadores e traballadoras para realizar diversas tarefas municipais.

A Deputación de Pontevedra leva investido en Arbo un total de 213.123,51 € en 2016, o que representa o 60,3% do total destinado ao municipio dentro do Plan Concellos 2016.