Noticias

"Aquí e agora", a nova campaña coa que a Deputación redobra o seu apoio ao comercio local

A acción busca incentivar o consumo nos nosos comercios e mercados, cuxa recuperación "precisa do compromiso de todas e todos", e de produtos e marcas locais


30 xullo 2021

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou hoxe a nova campaña coa que a institución provincial volve amosar unha vez máis o seu constante apoio aos comercios locais e de proximidade, especialmente nuns tempos tan duros para o sector. Carmela Silva asegurou que "incidimos na importancia de incentivar o consumo nos nosos comercios para revitalizar a nosa economía e así xerar riqueza e emprego". O lema da campaña é "Comercio local aquí e agora", e con ela a Deputación "anima a veciñanza e persoas que nos visitan a que merquen nas tendas de proximidade, prazas e mercados das nosas vilas e cidades, e a que aposten polo produto e polas marcas locais". A campaña, ademais, pon en valor a atención próxima e trato afable que ofrecen os nosos establecementos.

A nova acción de apoio ao comercio local está baseada en tres eixes fundamentais: a sostibilidade, a importancia e a seguridade. En canto ao primeiro punto, Carmela Silva lembrou que "apostar polo comercio local é apostar polo consumo responsable e a conservación do noso territorio, xa que mercando nas tendas dos nosos barrios velamos polo medio ambiente ao evitar desprazamentos prexudiciais para o medio ou envíos desde outras zonas do planeta". No que ten que ver coa importancia destes comercios, a presidenta lembrou a existencia na provincia de "5 denominacións de orixe, unha ducia de indicacións xeográficas protexidas, e tamén a extraordinaria calidade dos nosos produtos do mar e da terra e de industrias como o téxtil", así como o feito de que na provincia está "o 36 % dos pequenos e medianos negocios de toda Galicia, 11.000, polo que teñen un enorme peso. A súa recuperación precisa do compromiso de todas e todos". Do mesmo xeito, a campaña pon o foco na seguridade dos comercios, "que tomaron todas as medidas para garantila e agora somos nós quen nos poñemos do seu lado".

"Comercio local aquí e agora", que se difundirá a partir deste venres a través das canles institucionais da Deputación de Pontevedra así como en medios impresos, dixitais e radiofónicos, está composta por unha serie de mensaxes nas que se incide nos conceptos aquí (o que mercas xera riqueza aquí, aquí é onde podes atopar os produtos locais, telo aquí sen necesidade de desprazamentos prexudiciais para o medio, aquí atoparás o trato afable da nosa xente) e agora (agora é o momento de apoiar o noso comercio, o que mercas gózalo agora sen necesidade de esperar envíos, agora podes gozar da experiencia de percorrer os nosos locais e gozar dos produtos de proximidade).

Esta nova iniciativa da Deputación é a continuación doutras accións de apoio ao comercio local, que como valorou a presidenta provincial "vén de lonxe". Entre elas están as campañas "Pontevedra provincia na túa cesta", "Elixe comercio local", "Agora máis que nunca non perdas a proximidade" ou as accións anuais de apoio ás mulleres que desenvolven traballos no sector primario "Elas son a forza do Nadal".