Noticias

Aprobada unha modificación de créditos para impulsar catro proxectos estratéxicos da Deputación de Pontevedra en medio ambiente, emprego e seguridade viaria

O Pleno incrementa os fondos para garantir a recuperación medioambiental dos terreos ocupados polo parque de maquinaria na Xunqueira de Alba, en Pontevedra


24 setembro 2021
Pleno Provincial

A recuperación medioambiental, a promoción laboral do alumnado de FP, o apoio ás empresas asentadas no viveiro provincial de Barro e un novo impulso ás obras de seguridade viaria na rede provincial de estradas inspiran a modificación de créditos que foi aprobada polo Pleno da Deputación. O expediente recibiu luz verde cos votos favorables do Goberno provincial (PSdeG-PSOE e BNG) e a abstención do PP.

O deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, explicou que a Deputación está decidida a impulsar estes "catro proxectos estratéxicos" e por iso reacciona diante das novidades que obrigan a acometer gastos que non poden demorarse ata o ano próximo.

A Deputación demostra o seu compromiso coa recuperación do espazo natural da Xunqueira de Alba, en Pontevedra, onde se sitúa o parque provincial de maquinaria e, ao tempo, co avance na construción do novo parque no polígono industrial de Outeda-Curro. Carlos Font explicou que unha vez redactados os proxectos técnicos e "á vista do nivel do material a extraer do espazo, xurdiu a obriga de reconsiderar as cantidades orzamentadas". Así, a partida será incrementada en 550.000 euros para que a recuperación ambiental poida executarse con "totais garantías". O vicepresidente, César Mosquera, cualificou as actuacións que se acometerán neste espazo natural "como un exemplo na provincia". "Aquí é onde se ve o compromiso co medio ambiente e o cambio climático", engadiu.

A segunda cuestión deste expediente serviu para reforzar con outros 130.381 euros a partida de 162.976 euros coa que a Deputación xa está a financiar este ano o programa Practicum Depo de prácticas de alumnado de Formación Profesional no estranxeiro. A ampliación débese á admisión provisional da solicitude coa que a Deputación concorreu á última convocatoria do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE). A SEPIE queda comprometida a achegar 811.525 euros e á Deputación correspóndenlle os 130.381 euros da modificación orzamentaria. O Practicum Depo xa supuxo no que vai de ano un total de 96 mobilidades de alumnas/os de FP e de 11 profesoras/es. No programa están xa a participar 37 centros educativos de 21 concellos, que amplían coñecementos en estadías en Irlanda, Portugal, Malta, Alemaña, Grecia, Finlandia e Países Baixos.

Por outra banda, aprobouse unha transferencia de créditos de 80.000 euros ao Servizo de Novas Tecnoloxías, xestor do programa SmartPeme de asesoramento e crecemento dixital das empresas da provincia, para que se faga cargo do programa de dinamización do viveiro de Barro. Unha vez que finalizou o último convenio coa Escola de Organización Industrial, a Deputación opta pro xestionar directamente a promoción do viveiro engarzándoa coa actividade de SmartPeme.

Finalmente, aprobouse a incorporación das baixas correspondentes aos proxectos executados en exercicios anteriores para continuar mellorando a seguridade viaria nos 1.700 Km que compoñen a rede provincial de estradas.