Noticias

Aposta por proxectos comúns e máxima cordialidade na primeira visita de Carmela Silva a Mondariz-Balneario

O Concello recibirá da Deputación case 300.000 euros, un 389 % máis que en 2015. É a primeira vez que chegan fondos por concorrencia ao municipio, excepto os 58.000 euros que recibiu para emprego


26 nov 2015
Cordialidade na primeira visita de Carmela Silva a Mondariz Balneario
Cordialidade na primeira visita de Carmela Silva a Mondariz Balneario

Na súa primeira visita institucional a Mondariz-Balneario a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde, José Antonio Lorenzo, manifestaron a súa disposición a traballar en común para desenvolver proxectos na vila, un dos referentes máis importantes do termalismo na provincia. A presidenta informou o goberno municipal dos fondos que en 2016 recibirá a localidade, 286.605 euros, dentro da repartición do Plan Concellos, realizado con criterios obxectivos e de equidade, diñeiro que agora o municipio poderá destinar a aqueles investimentos que considere prioritarios.

É a primeira vez que o Concello de Mondariz-Balneario recibe fondos por concorrencia porque en 2015 unicamente se tramitaron desde a Deputación 58.546 euros para o fomento do emprego, mentres que o resto das axudas dependeron da única vontade do anterior presidente cos fondos de libre disposición. Silva informou igualmente o alcalde do resto dos fondos aos que poderá optar o Concello dentro do Plan de Infraestruturas, Turismo, Benestar Social e subvencións por concorrencia a asociacións culturais, deportivas, sociais, clubs federados ou deportistas de elite, cantidades que non forman parte do Plan Concellos e que incrementarán aínda máis o diñeiro que chegará á localidade.

Pola súa banda, o alcalde agradeceulle expresamente a Silva a súa visita á vila e, sobre todo, o impulso que a presidenta da Deputación garantiu para o termalismo na provincia, un plan que o alcalde de Mondariz-Balneario levaba varios anos reclamando. Ambos os dous manifestaron a súa vontade de traballar xuntos nun ambiente de máxima cordialidade que se estendeu á visita que Silva e Lorenzo realizaron xuntos ás instalacións do Palacio da Auga, o Balneario e as rúas do municipio. De feito, a presidenta da Deputación comprometeuse co alcalde para colaborar na mellora e o acondicionamento da contorna dos xardíns do antigo hotel con achegas da Escola de Cantería. Nos próximos días un paisaxista, un arquitecto e canteiros da Deputación trasladaranse ao municipio.